A Universidade de Vigo presentou os detalles dunha investigación centrada nas posibilidades das novas ferramentas nas persoas con TEA, a través da cal demostrouse o potencial dos recursos virtuais para mellorar a interacción social en nenos e nenas con Trastorno de Espectro Autista, que, segundo se fai saber no traballo, teñen “unha notable disposición e preferencia polo uso de dispositivos tecnolóxicos”. Porén, esta disposición non se manifesta sempre igual senón con diferencias moi marcadas. “Polo tanto”, dise na investigación, “aínda que as TIC supoñen unha oportunidade para o desenvolvemento de soportes terapéuticos, as solucións xeneralizadas non son efectivas e resulta preciso deseñar soportes personalizados”.
Consciente desta eiva, o investigador Luis Fernando Guerrero decidiu centrar a súa tese de doutoramento en amosar as vantaxes da xeración de soportes tecnolóxicos personalizados en función dos perfís dos usuarios, xa “que axudan a xerar un sentimento de autoidentificación e de pertenza cara ás ferramentas, mellorando consecuentemente a eficiencia da intervención terapéutica”.
A tese, dirixida polos profesores Martín López Nores e Jack Fernando Bravo, desenvolveuse no marco do Programa de Doutoramento Internacional en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, DocTIC, do centro de investigación AtlantTIC. O punto de partida foi o uso de trazos físicos, como sexo ou raza, e das características diagnósticas individuais de cada persoa con TEA para a personalización de interfaces de interacción baseadas en avatares. Ademais, Guerrero testou no contexto concreto da poboación de Ecuador a efectividade do uso destes avatares personalizados nas intervencións terapéuticas.

Co obxectivo de probar estas estratexias, Guerrero deu forma a un conxunto de avatares con características dos principais grupos étnicos do Ecuador (mestizos, brancos e afroecuatorianos) e de ambos sexos. Ademais, procurou que os trazos antropomórficos coincidisen cos dun neno ou nena de entre 9 e 10 anos e engadiu a posibilidade de modificar a vestimenta e o escenario. A ferramenta foi desenvolvida dende cero, apunta o investigadores, e para facelo empregou como punto de partida “fotografías de nenos e nenas de diferentes grupos étnicos do país”.
Unha vez deseñada a ferramenta, o investigador realizou a avaliación en dúas etapas. Na primeira participaron 31 nenas e nenos neurotípicos sen ningún trastorno ou discapacidade que tiveron que elixir un avatar para manter unha interacción. “Os resultados”, salientou, “indican que os trazos étnicos non son un factor crítico á hora de elixir un avatar, pero o xénero “é fundamental e debe coincidir co do participante para garantir unha interacción adecuada”.
Na segunda etapa, o investigador traballou cun grupo de control composto por 16 nenas e nenos neurotípicos de arredor de 10 anos, outro grupo de control de nenos con TEA cunha media de 5 anos e cun grupo experimental formado por unha nena e seis nenos de idade promedio de 6 anos. Co grupo experimental “avaliáronse os intereses restrinxidos, concretamente a vestimenta e o escenario dos avatares”. Empregando observación directa por parte dos terapeutas e un sensor para a detección da dirección da mirada, determinouse que estes elementos “serven como motivadores para incentivar a interacción e enfocar a atención”. Ademais, o investigador tamén advertiu que mentres no grupo control “a atención diminuía conforme avanzaban as sesións terapéuticas”, no grupo experimental con avatares personalizados a atención mantíñase constante.
Para Luis Fernando Guerrero, estes resultados demostran que “a personalización baseada no xénero dos avatares e nos intereses restrinxidos permite incrementar a eficiencia dos recursos empregados na interacción social das persoas con TEA e poderían ser utilizados noutras solucións tecnolóxicas”.
Unha investigación da UVigo demostra os beneficios das ferramentas virtuais persoais para os nenos con TEA
Compartir Este Artigo

