Alumnado de Comunicación Audiovisual e Enxeñaría de Telecomunicación (Universidade de Vigo) esta a a dar forma a un videoxogo inspirado en Infamia, a popular e recoñecida (polo público e pola crítica) novela de xénero negro de Ledicia Costas. A día de hoxe están a traballar na que sería a primeira fase do traballo. Merlo é o título do proxecto. Traballan nel catorce estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, no marco dunha iniciativa coa que o grupo de innovación docente ComTecArt busca cada curso achegar os procesos de traballo na industria do videoxogo a estudantes de diferentes titulacións.
Merlo é tamén o nome da vila na que a escritora Ledicia Costas ambientou a súa primeira novela para público adulto, Infamia, na que este grupo de alumnos e alumnas inspira o seu proxecto de xogo, do que deberán desenvolver un primeiro nivel ao longo deste cuadrimestre.
Promovida polos docentes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Legerén, Luis Fernández e Mónica Valderrama e polos profesores da EE de Telecomunicación Antonio Pena e Enrique Costa, esta “experiencia multidisciplinar” que leva a estudantes de diferentes disciplinas a traballar conxuntamente no deseño dun videoxogo lévase a cabo desde 2017, tomando sempre como punto de partida “a obra dun escritor ou escritora galegos”, como lembra Legerén. Neste caso, explica, “pedimos permiso a Ledicia Costas para poder usar como referencia Infamia“, unha novela da que seleccionaron á súa vez “unha serie de parágrafos”, coa idea de que servisen ao alumnado “para desenvolver o seu concepto de xogo”.
Coa idea de que o alumnado teña ao longo do proceso de traballo “algún tipo de feedback” que lle permita obter unha visión externa “de como está o proxecto e de como melloralo”, este grupo presentou o traballo que veñen realizando a Michael Santorum, narrative designer de Tequila Works, unha das principais empresas de desenvolvemento dos videoxogos de España, que recentemente pasaba a ter como investidora maioritaria á mutinacional chinesa Tencent.
Nun encontro que tivo lugar de xeito virtual nos últimos días, o alumnado presentou a Santorum un proxecto dun xogo de “sixilo e misterio en primeira persoa”, que seguindo a trama do libro de Costas, ten como punto de partida a historia de Emma Cruz, que tras mudarse a vila de Merlo decide investigar a desaparición non resolta de dúas nenas, acontecida 25 anos antes. “No que están traballando os alumnos é en crear, partindo dunha obra literaria, unha narrativa diferente e vimos moi interesante que puidesen falar e recibir consellos dun especialista no deseño de narrativas interactivas”, salientou Legéren.
“Pareceume unha iniciativa marabillosa”, recoñece Santorum, que destacou o interese que ten combinar persoas procedentes de diferentes ámbitos nun mesmo proxecto, “xa que ao reunir diferentes puntos de vista cos podes chegar a onde a xente normalmente non chega, polo que o resultado pode ser sorprendente”.
Alumnado da UVigo traballa en crear un videoxogo inspirado en Infamia, de Ledicia Costas
Compartir Este Artigo

