A multipremiada película galega O Apóstolo celebra o 10 aniversario da súa estrea permitindo a súa reprodución de balde online, a través da web de seu. A produtora celebra tamén, con esta novidade, a recuperación dos dereitos de distribución do filme (entorpecidos “tras sufrir a estafa das firmas distribuidoras con quen pechara os contratos comerciais”), o que lle permite abrir novos camiños para chegar ao público mediante oapostolo.com, onde tamén se pode mercar o DVD.
Trátase dunha longametraxe de animación do director compostelán Fernando Cortizo, na que se conta unha historia de misterio e fantasía ambientada no Camiño de Santiago.
Foi a primeira película no noso país que vendeu participacións a través de Internet para conseguir co-produtores e financiar o proxecto. No ano 2008 arrincou o desenvolvemento do proxecto grazas a máis de 600 socios, naquela época aínda non se denominaba crowfunding.
Tamén foi a primeira película realizada en animación stop-motion estereoscópica en Europa. Realizou a premiere no prestixioso Festival Internacional de Cinema de Moscova, sendo a primeira vez que este festival seleccionaba unha película de animación en sección oficial a competición. Amais, recibiu o premio do público no Festival de Annecy e conseguiu tamén gañar o Premio á Mellor película no Animpack de Corea e no festival Internacional Animamundi de Brasil.
A película de Fernando Cortizo foi integramente realizada en Santiago. Tamén obtivo o recoñecemento da a Academia galega ao recibir 6 premios Mestre Mateo, entre eles Mellor Película e Mellor Director.
Ao devandito únese o seu nomeamento para os Premios Goya e a súa preselección para os Oscars.
O filme galego O Apóstolo celebra o seu décimo aniversario cun streaming gratuíto na súa web
Compartir Este Artigo

