O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- participa no proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) e cuxo obxectivo é incrementar a presenza de mozas que se decaten por estudos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), tanto en Secundaria como logo nos estudos universitarios. Búscase dar unha viraxe a un nivel de participación que segue a ser moi baixo nestas materias. De feito, só o 30% do alumnado universitario no ámbito STEM é alumnado feminino, tanto en España como no eido internacional. A quinta edición do proxecto arrancaba na mañá deste 2 de novembro en 20 parques e múltiples centros de Educación Secundaria de toda España.
Esther Merlo é doutora e enxeñeira de Montes, fundadora e directora da empresa Madera Plus Calidad Forestal, con sede en Tecnópole. Con dúas décadas de experiencia laboral no eido da investigación científica e a innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, alentou desde Galicia ás rapazas a optar por carreiras científicas ou técnicas. “Creo que as carreiras técnicas permítennos desenvolver as nosas capacidades innatas, o enxeño, a curiosidade, a capacidade de buscar solucións, axúdannos a antepoñernos ás dificultades”, salientou, convidando ao alumnado feminino a realizar este tipo de estudos porque “dan moitas satisfaccións, permítennos afrontar retos que nos enriquecen día a día e vanvos facer sentir orgullosas por achegar solucións a problemas actuais da sociedade desde ámbitos moi diferentes”.
Tecnópole vai celebrar tres xornadas para os centros educativos os días 8, 10 e 15 de novembro, coincidindo coa Semana da Ciencia. Contarase coa participación de varias mulleres científicas, empresarias ou tecnólogas da contorna de Tecnópole, que relatarán a súa experiencia persoal e profesional, axudando ao alumnado a descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas. Ademais de Esther Merlo, participarán Marta Otero, doutora en Física, técnica de I+D do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia; Lucía Novelle, enxeñeira de Minas, socia da empresa de investigación xeotérmica Ingeo; e Azahara Soilán, doutora e enxeñeira de Montes, da Área de Innovación e Tecnoloxía do CIS Madeira.
Tamén haberá obradoiros que achegarán a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e divertido, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre actividades que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino. Serán conducidos por Patricia Barciela, directora da Domus – Museos Científicos Coruñeses.
Por outra banda, realizarase un obradoiro para presentar ás rapazas e rapaces problemáticas existentes na Tecnópole relacionadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) de Nacións Unidas. Son retos vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesible e non contaminante, o traballo decente e crecemento económico ou a acción polo clima, entre outras cuestións. “A finalidade”, explican fontes do Parque, “é que as persoas participantes poidan deseñar un proxecto que sirva como solución a un problema concreto”. Unha vez rematada a xornada, o alumnado traballará por grupos nos seus respectivos centros e enviarán a súa proposta en formato vídeo a Tecnópole, de xeito que a solución elixida participará nun concurso nacional que se celebrará en Madrid en abril. Na anterior edición do programa, o centro que representou a Tecnópole resultou gañador deste certame.
As e os participantes nesta edición de Ciencia e Tecnoloxía en feminino recibirán dúas guías. Por un lado, a guía Que quero ser de maior?, a través da que se busca promocionar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Pola súa parte, a guía Que son as tecnoloxías disruptivas? busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo (Blockchain, Big Data, Intelixencia Artificial, 5G, ciberseguridade, computación cuántica) e as súas posibles saídas profesionais.
A Tecnópole volve xuntar forzas coa APTE para inverter a curva descendente das mozas no ámbito STEM
Compartir Este Artigo

