As Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI) da UVigo, impulsadas polo profesor e investigador Ignacio Armesto para tender pontes entre a industria intelixente e os nosos estudantes, volven ao grande este mes de novembro, entre o día 14 e o 18, cunha edición histórica en número de empresas participantes (preto de 125), asistentes rexistrados (2.000, entre profesionais e alumnado) e conferencias (preto de medio cento delas). Tamén hai fitos relevantes no programa desta oitava edición, que vén con catro mesas redondas, dúas moderadas por ISA Spain e as outras dúas por AER Automation, centradas en ciberseguridade, mantemento preditivo, robótica móbil e Visión e Intelixencia Artificial.
A maiores, haberá unha gran exposición sobre robótica que duplicará a cifra de participantes da anterior convocatoria. As JAI tamén contarán coa presenza de Spot Enterprise de Boston Dynamics, o cuadrúpedo co brazo máis avanzado do momento. Todos estes datos foron achegados este venres 4 de novembro durante a presentación das JAI 2022, no Campus de Vigo.
Participou na cita a vicerreitora de Comunicación e relacións institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, quen gabou o labor desenvolvido ao longo de 18 anos e oito edicións das xornadas polo seu coordinador, o docente e profesor do departamento de Enxeñaría de sistemas e automática, José Ignacio Armesto, ao tempo que manifestou o total apoio da institución académica á iniciativa.
Pola súa banda, Armesto lembrou que o evento ao longo dos anos contou coa participación de alumnado de diferentes titulacións que se imparten na UVigo, de xeito que, “facéndoo o máis profesional posible, teña tamén un toque lúdico, porque a tecnoloxía é divertida, ademais de ter unhas bases de aprendizaxe universitaria”. O coordinador das JAI destacou o innovador desta fórmula, que non existe nin en España, nin fóra, “polo que chama bastante a atención ás firmas, que cando o coñecen, gústalles o formato”.
As novidades desta edición complétanse co cambio de localización das conferencias, que está previsto que se desenvolvan no salón de actos da Escola de Telecomunicación, e non na de Enxeñaría Industrial, como viña sendo habitual.
Pola sua banda, o showroom Industria 4.0 si manterá a súa tradicional localización na entrada da EE Industrial, onde nesta 8ª edición daranse cita unha trintena de postos expositivos, que se irán rotando durante os catro días de duración das xornadas e nos que haberá espazo para a robótica lúdica e social, avanzada e móbil e colaborativa. Ademais este ano, terán especial protagonismo nesta área demostrativa as asociacións de estudantes como UVigo SpaceLab ou UVigo Motorsport.
40 horas de conferencias e mesas redondas
Entre o 14 e o 18 de novembro superaranse as 40 horas de conferencias e mesas redondas, impartidas por 70 profesionais do sector, que abordarán nos seus relatorios cuestións como infraestruturas críticas, monitoraxe e control, activos IT/OT, ciberseguridade industrial e zero trust, o concepto de xemelgo dixital, Intelixencia Artificial, analítica de datos, industria de proceso, etc. Logo da edición integramente virtual do ano 2020, Armesto destacou o traballo realizado desde hai meses para garantir un elevado número de inscricións e asegurou que “semella que a xente ten ganas de volver á normalidade. Ao final o éxito destes eventos mídese pola audiencia e está causando impacto e a todo o mundo que lle explicas esta fusión universidade-empresa, na que eles veñen á nosa casa, lles gusta”. Neste sentido, o coordinador das JAI agradeceu a presenza nesta edición, que tamén se poderá seguir de xeito virtual, de 35 firmas moi recoñecidas no sector, así como dos patrocinadores.
As JAI 2022 comezan o día 14 con cifras históricas de participación, asistentes e conferencias
Compartir Este Artigo

