A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, mantivo este luns 7 de novembro unha xuntanza de traballo coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo. Un dos temas a tratar foi o programa Kit Dixital e as axudas á dixitalización que esta iniciativa estatal pon en xogo para pequenas empresarias e emprendedoras: de 12.000 a 2.000 euros para mellorar a competitividade e modernizar os negocios. A subdelegada constatou coa presidenta de AELU, Beatriz Varela, que “os bonos deste programa estatal están a chegar ás pemes e persoas autónomas da provincia”.
Tal e como explicou Rodríguez durante o encontro celebrado na Subdelegación, o Goberno ofrece con “este plan sen precedentes no noso país” bonos que van dende os 12.000 euros ata os 2.000 euros, dependendo do tamaño da empresa, coa finalidade de avanzar na dixitalización de áreas clave como presencia na Internet, deseño da web, venda electrónica, xestión de clientes e provedores, oficina dixital, redes sociais, xestión e automatización de procesos e ciberseguridade.
“O futuro é dixital e desde o Goberno de España traballamos para que esa dixitalización chegue a cada recuncho da provincia. Por iso desenvolvemos unha das principais iniciativas do Plan de Recuperación, dirixida a fomentar o dinamismo do tecido produtivo e dar resposta ás necesidades e demandas dixitais das empresas, para incrementar as súas capacidades e impulsar o crecemento económico”, sinalou a subdelegada quen valorou positivamente a resposta das pemes e autónomos ás axudas do Goberno, pois son máis de 400 as empresas que xa recibiron o bono dixital cunha inxección económica de 4,8 millóns de euros na provincia.
Durante o encontro, Rodríguez agradeceu a AELU o traballo de acompañamento e asesoramento que está a desenvolver para que as axudas do Kit Dixital cheguen “o antes posible ás pequenas empresas e emprendedores da provincia”.
Nesta liña, tamén destacou a rapidez e eficiencia coa que se están a xestionar todas as peticións do plan. Así, sinalou que, se se mantén a actual velocidade na solicitude dos bonos, durante o 2023 xa estarán repartidos os 3.067 millóns de euros cos que está dotado o Kit Dixital, procedentes dos fondos Next Generation.

