Finalmente o Concello de Ames (área de Cultura) entregou os premios da edición 2022 do certame Galetiktokers, destinado a fomentar a creatividade e a presenza do galego nas redes sociais, poñendo o foco en Tik Tok e máis na mocidade. As creacións Os galegueños, Muinheira de Chantada, Galicia somos nós, Pequena historia con títulos de libros para combater o machismo, Sabías que unha artista se revelou contra a súa discográfica para publicar un disco en galego? e Jasolina – As tóxicas da ría foron as gañadoras do concurso.
As persoas premiadas desta terceira edición déronse a coñecer nunha gala celebrada o pasado sábado 5 na Casa da Cultura do Milladoiro, 4 de novembro, contando coa presenza dos participantes do certame e da actriz e cantante Pauliña, que se encargou de presentar o evento, así como do xurado que decidiu catro das seis pezas gañadoras. Asistiu tamén a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. En total repartíronse 1.800 euros en premios.
Como dixemos, a encargada de dirixir o evento foi a cantante e actriz Pauliña, que deu comezo á gala coa interpretación dun dos seus temas e presentou os vídeos finalistas nas dúas categorías do concurso. Tamén estiveron presentes a tiktoker Sara Seco Rial e a comunicadora audiovisual Noelia Francisco Lens.
Na categoría de 13 a 16 anos foi galardoada polo público a peza Os galegueños, de Magín Rodríguez Fernández, Lola López Abeijón, Eirín Rey Ageitos e Sofía Álvarez Bandera. O xurado, pola súa banda, premiou os vídeos Pequena historia con títulos de libros para combater o machismo, de Elena Varela Otero e Galicia somos nós, de Karol Muñoz Vázquez.
Na categoría de maiores de 17 anos o público outorgou o premio a Muinheira de Chantada – Verto, de Xurxo Varela e Nerea Lobelle. Pola súa banda, o xurado concedeullo a Sabías que unha artista se revelou contra a súa discográfica para publicar un disco en galego?, de Rodrigo Míguez Novoa, e a Jasolina – As tóxicas da ría, de Sergio Martínez Calvo e Cristina Padín Ríos.
A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, recordou os inicios do concurso e gabou a alta participación acadada este ano. “Énchenos de ledicia que cada vez, entre a mocidade, medren máis as ganas de facer contido, de crear e de amosar na nosa lingua o talento que todos e todas tedes”. Ademais, aproveitou para agradecer a boa disposición do xurado e animar aos presentes a seguir empregando o galego a través das redes sociais. “Agardamos as vosas creacións de cara a vindeiras edicións”, concluíu.
Nesta edición houbo arredor de 200 participantes, e presentáronse 65 vídeos entre as dúas categorías, de temática moi variada (música, historia, sociolingüística, humor, deporte, videoxogos…).
Éxito de participación e repercusión na gala de premios Galetiktokers 2022
Compartir Este Artigo

