O Concello de Ames presentou unha nova edición de Innovames, unha xornada de encontros, presentacións e networking para as empresas locais que encherá de talento o Pavillón Polideportivo do Milladoiro, o 16 de decembro, e na que se contará coa presenza de grandes referentes da innovación que conviven no propio concello.
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este martes 8 de novembro a presentación dunha nova edición de InnovAmes, un acto no que participaron o alcalde Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; un dos organizadores do evento, Enrique Saavedra, de Maker Faire Galicia; e representantes das empresas Conic Vascular, Tecalis, Airvision, Verial, Minervas Voice (Zenit) e We Robot. Tamén asistiron as directoras do CEIP Agro do Muíño e do IES de Ames.
O obxectivo, sinalaron, é “achegar as últimas tendencias no mundo da innovación da man das empresas do concello de Ames a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que den lugar a proxectos innovadores”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, foi a encargada de abrir a presentación, explicando que “as empresas amesás que participan neste evento ofrecerán a súa particular visión sobre o estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores”. Ademais, dixo, “contaremos con representantes das tres universidades galegas”. Como novidade, este ano presentarase a primeira edición dos Premios InnovAmes para empresas, nos que se distinguirá á firma máis innovadora, a de maior impacto social, e maila empresa co maior potencial de crecemento. Tamén se convoca a primeira edición dos Premios InnovAmes para proxectos educativos, nos que se recoñecerá a orixinalidade, a funcionalidade, o material empregado e o valor educativo, entre outros parámetros, dos proxectos. Os/as gañadores/as terán como galardón un trofeo e un premio en metálico.
Un dos organizadores do evento, Enrique Saavedra, de Maker Faire Galicia, agradeceu ao Concello de Ames volver apostar por este evento, que se realizou por primeira vez en 2018, e despois non se puido volver organizar ata este ano debido á pandemia da COVID. “Trátase dun evento que impulsa aínda máis se cabe o traballo de innovación que se está facendo nas empresas asentadas no concello de Ames, non só para o eido local senón tamén para o internacional”, dixo, engadindo que esta “feira de innovación cremos que ten potencial para converterse nun referente na zona noroeste da Península e converterse nun evento ao que acudir cada ano a ver proxectos de innovación de empresas asentadas en Ames”.
O alcalde de Ames, Blas García, pechou a quenda de intervencións. “É moi importante para nós organizar este evento porque nos axuda a poñer en valor e a dar a coñecer o importante tecido empresarial innovador e tecnolóxico que temos en Ames. Axúdanos a dalo a coñecer primeiro entre a veciñanza amesá e en segundo lugar entre a poboación de fóra do concello”.
Programa do evento
Charlas e mesas de debate que versan sobre a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais conforman o groso dunha programación que na súa sesión matinal estará dirixida non só ao sector profesional, se non tamén aos centros escolares de Ames coa finalidade de proporcionar referentes profesionais e laborais, así como fomentar a inquedanza pola innovación nas novas xeracións.
Deste xeito, o alumnado dos centros de ensino e representantes de empresas poderán escoitar a Carlota Corzo, unha das 30 mozas e mozos con menos de 30 anos da lista Forbes, co-fundadora de Lázaro, unha empresa que axuda a organizacións sen ánimo de lucro a crear plataformas web fiables, permitindo traccionar as súas operacións mediante tecnoloxías Blockchain.
Nesta xornada contarase ademais cun programa centrado na presenza de diferentes representantes das empresas asentadas no Parque Empresarial Novo Milladoiro e na localidade de Bertamiráns como NanoGap, Escenoset, Conic Vascular, Mirabelle Comunicación ou Tecalis entre outros, que ofrecerán a súa visión particular do estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores.
Premios InnovAmes
Este ano como novidade o Concello de Ames convoca a primeira edición do Premio Innovames para empresas innovadoras co obxectivo de “recoñecer, apoiar e dar visibilidade ás persoas emprendedoras e empresas máis innovadoras e con maior potencial de crecemento en Ames; proxectos con carácter e innovador e de gran impacto social, tanto de recente creación como xa consolidadas”. Premiarase a innovación, o impacto social e o alto potencial de crecemento.
Ademais, convócase o I Premio InnovAmes para proxectos educativos. O Concello de Ames vén apostando nos últimos anos polo sector da innovación, o programa Innovames pretende incluír a comunidade educativa para favorecer a cultura do emprendemento e a innovación no futuro da nosa sociedade. Deste xeito, a través deste premio trátase de ofertar á comunidade educativa local “un alicerce para implementar formación, emprendemento e innovación”.
Espazo de exposición
Tamén haberá un espazo de exposición no que os asistentes poderán coñecer de primeira man estes proxectos e outros exemplos innovadores nos que traballan as empresas do concello de Ames, así como os proxectos presentados polos centros educativos. Así mesmo, durante a mañá os escolares poderán asistir a diversos obradoiros, previa inscrición.
O evento completarase cunha sesión de tarde, dirixida ás empresas e ao público interesado, na que se poderá escoitar a Alfonsín Digital Lab, unha das poucas empresa de postprodución cinematográfica en España que traballa con coñecidas plataformas audiovisuais. Coñeceranse os proxectos presentados polas empresas amesás e farase entrega dos premios aos/ás gañadores/as. O público poderá asistir a diversos obradoiros durante a tarde e como punto final da xornada gozarase dun espectáculo e poderanse degustar uns petiscos.
Ames converterase o 16 de decembro en referente da innovación empresarial galega
Compartir Este Artigo

