Os obradoiros Crea R impulsados pola operadora R poñen esta fin de semana en Nigrán un punto e á parte no camiño e pechan o seu percorrido de outono na localidade pontevedresa. Alí recalará nesta ocasión o plan didáctico de R pensado para as nosas crianzas, coas novas tecnoloxías e a innovación como eixes centrais. A idea é incidir na aprendizaxe e o emprendemento fomentando, de forma lúdica, as habilidades emocionais e sociais e a creatividade en nenos e nenas de 7 a 12 anos. Este sábado 12, entre as 11:00 e as 13:00 h, a rapazada poderá achegarse, no Centro da Terceira Idade de Nigrán, á beira do Concello (praza da Constitución, 2; Vilameán-Nigrán) a conceptos fundamentais de condutividade e electrónica; e aprenderán a deseñar tamén as bases dun sistema automatizado de rega.
Nos obradoiros Crea R de Nigrán haberá tres propostas, en función da idade das e dos participantes:
–Contos que cobran vida. Para nenas e nenos de 7 e 8 anos. Creando tinta condutiva, aprenderán a integrar conceptos de electrónica con pilas e elementos condutores. Cando saiban como funcionan, artellarán un conto para, finalmente, engadir luces LED á súa historia.
-Sala de operacións. Para nenas e nenos de 9 e 10 anos. Dunha maneira educativa e divertida, mediante a creación dun xogo de operacións que deseñarán e programarán ao seu gusto, as crianzas aprenderán conceptos básicos de condutividade e sinais dixitais, e tamén o funcionamento dun curtocircuíto. Todo iso, a través da chamada placa microbit e de diferentes elementos electrónicos.
-Sistema de rega intelixente. Para nenas e nenos de 10 a 12 anos. Aprenderán a deseñar un sistema automatizado que detecta o nivel de humidade e a temperatura das plantas para saber cando deben regarse, baseándose en sensores de humidade, un sensor térmico integrado e unha placa controladora. Ademais, crearán, dunha maneira visual e amigable, un sistema que lles sirva para entender os datos obtidos.
“A través dunha experiencia divertida, as crianzas conseguer ter máis seguridade en si mesmas e dar saída ao seu talento. Aí están, ademais, os valores do emprendemento e o núcleo dos chamados conceptos STEAM, que engloban a Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría, a Arte e a Matemática. Á vez, deixan de ser meras consumidoras pasivas de tecnoloxía e botan man dela creando e aprendendo”, explican dende a operadora de orixe galega.
Para conseguir os devanditos obxectivos, Crea R conta coa bagaxe do método educativo de Líbolis, a escola pioneira do emprendemento infantil na nosa comunidade.
Quen desexe apuntarse e coñecer máis detalles dos obradoiros Crea R, pode facelo a través do blog da operadora.
Os obradoiros de R para a rapazada pechan en Nigrán o seu percorrido de outono
Compartir Este Artigo

