O DataLife Hub de Innovación Dixital que preside Pablo Álvarez Freire vén de informar da súa colaboración nun proxecto destinado a dixitalizar a empresa galega Roeirasa, compañía de subministros industriais cunha relevante cota de mercado en sectores estratéxicos como o ferroviario, o papeleiro, o siderúrxico, o eólico e o enerxético, o aeronáutico, o alimentario, o petroquímico, o farmacéutico, o agrícola, a automoción e o naval.
O proxecto, impulsado a través das axudas á dixitalización da Industria 4.0 do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER-Galicia 2012-2020, consiste na transformación tecnolóxica dos procesos da xestión de Roeirasa para abordar novas canles dixitais. Conta coa colaboración de Datasight Consulting, consultora analítica empresarial no ámbito da xestión de datos que combina unha ampla experiencia en diferentes sectores empregando técnicas de analítica para axudas ás empresas a mellorar o seu negocio.
Roeirasa, fundada en 1963, ten as súas instalacións principais no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, onde xestiona unha superficie total de almacenamento de 29.000 metros cúbicos. Actualmente a súa carteira activa é de máis de 5.200 clientes localizados principalmente na Península, Baleares, Canarias, Ceuta e Melilla, e presentes en todos os sectores industriais produtivos. A empresa, que no ano 2021 rexistrou un volume de negocio consolidado de 38,04 millóns de euros, ten 13 delegacións en España e unha empresa filial en Portugal con dúas delegacións. O seu equipo profesional está integrado por 145 traballadores.
Co apoio e colaboración de DataLife, Roeirasa está a desenvolver unha solución para realizar a análise e seguimento dos diferentes procesos de negocio, permitindo xestionar a información da súa empresa en tempo real. A maiores, ao abeiro deste proxecto implantará unha solución baseada na Intelixencia Artificial para a previsión de demanda e optimización da cadea de valor fundamentada en algoritmos de aprendizaxe automática que lle permitan anticiparse e adaptarse á demanda dos seus clientes, optimizando así todos os seus procesos de xestión.
Roeirasa fornece de equipamentos industriais ás máis prestixiosas marcas e ofrece un servizo integral do proceso loxístico aos seus clientes. Nas súas instalacións de Vigo, na súa maioría con xestión automatizada, ten 425.000 referencias e máis de 5,5 millóns de unidades. Nas diferentes delegacións en España e Portugal (A Coruña, Asturias, Barcelona, Bilbao, Madrid, Sevilla, Ourense, Ponferrada, Tenerife, Valencia, Zaragoza, Oporto e Lisoba) conta con almacéns que en total suman máis de 10.000 metros cadrados.
Os proxectos financiados coas axudas á dixitalización da Industria 4.0 do IGAPE, en liña coa estratexia de Hubs de Innovación Dixital da Xunta de Galicia, teñen como obxectivo primordial “facilitar a implantación de solucións tecnolóxicas para mellorar os procesos produtivos industriais das empresas dentro da súa actividade”. Deste xeito, os proxectos seleccionados estanse a beneficiar de esta iniciativa, facilitando a modernización das compañías e mellorando a súa competitividade mediante a interconexión dixital entre empresas.
O DataLife Hub dixitalizará a empresa viguesa de subministros industriais Roeirasa
Compartir Este Artigo

