A empresa do ámbito agrotech Innogando, gañadora da última edición dos Premios Emprendedor XXI, convocados por Caixabank e a Empresa Nacional de Innovación (ENISA), e máis a firma de mercadotecnia dixital Estati.co, van participar este xoves 17 de novembro na primeira edición do foro Emprego da Provincia de Lugo, organizado pola Deputación do Pazo de San Marcos.
Na cita tamén estarán presentes outras firmas punteiras como Cafés Candelas, Leite Río, Transportes Valín e Hijos ou Arenal. Ao seu carón, mostrando talento e espírito innovador, participarán a mocidade da provincia e, en xeral, persoas de Lugo e de Galicia á procura dun posto de traballo.
Segundo explica a institución provincial, na I Xornada de Emprego da Provincia de Lugo atoparanse “empresarios e desempregados do territorio para poñer en común as necesidades do mercado laboral desde as diferentes perspectivas e así axudar mellor a oferta e a demanda”.
A cita, de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo do salón de actos, contará con dúas mesas de debate nas que se abordará, entre outras cuestións, a situación do mercado laboral da provincia de Lugo, as causas da falta de man de obra nalgúns sectores, ou as necesidades das empresas e dos demandantes de emprego
Como triunfar neste mercado laboral? Que detestan as empresas?; Que detestan os desempregados? é o nome da conferencia de apertura, que estará a cargo de Alfonso Alcántara, licenciado en psicoloxía e especialista da motivación para empresas, profesionais e traballadores.
A partir do mediodía, haberá dúas mesas de debate. A primeira, baixo o título Hai traballo na provincia de Lugo, contará, entre outros, cos responsables de recursos humanos de Cafés Candelas e Arenal, Irene Rodríguez e Óscar López, respectivamente; o xerente de Transportes Valín e Hijos, Pablo Valín; e a responsable de Relacións Institucionais de Leite Río, María Luz López.
Lugar de oportunidades, a provincia de Lugo é o nome da segunda sesión, un encontro no que participarán entre outros Elio López, o director executivo (CEO) de Innogando; Juan Pedro Granados, responsable de mercadotecnia e estratexia dixital de clientes de Estati.co; Ramón Martínez, xerente de Insitu, e Lourdes Pardo, da Confederación de Empresarios de Lugo.
A cita de emprego contará tamén coa participación da Escola de Organización Industrial (EOI) coa que a institución provincial ten en marcha diferentes iniciativas de cara a impulsar o emprego e o desenvolvemento económico da provincia de Lugo.
As persoas interesadas en encontrar traballo poden deixar o seu currículo na Axencia de Colocación da Deputación de Lugo, con sede no Pazo de San Marcos, e aquelas con vontade de emprender poden solicitar cita para asesoramento no Punto de Atención ao Emprendedor (PAE) situado tamén na sede da institución provincial.
Innogando e Estati.co participan no primeiro foro de emprego de Lugo que organiza a Deputación
Compartir Este Artigo

