Este martes 15 de novembro o Campus de Ourense acolleu a entrega dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2022, cos que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense, co apoio da Deputación, distinguen os mellores traballos fin de grao deste centro. Desta volta, concedeuse un primeiro premio a un estudo sobre o impacto de Facebook na mercadotecnia de redes sociais e dous accésits, un centrado na análise económica-financeira da Liga Española de Fútbol e outro no plan estratéxico para a creación real dunha empresa apícola.
O primeiro premio do Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2022 do Grao en Administración e Dirección de Empresas foi para o traballo titulado O impacto de Facebook no marketing de redes sociais, do xa egresado Andrés Soto e realizado, ao igual que os demais traballos galardoados nesta edición, baixo a dirección do profesor do centro Francisco Javier Sánchez. Neste estudo, indica o seu autor, “preséntase unha explicación e análise do impacto que unha ferramenta tan potente e versátil como Facebook Ads ten sobre a publicidade, a segmentación de mercado e o comportamento de compra nas diferentes redes sociais nas que esta funciona”. Nas súas conclusión, o galardoado destaca que “a elección de Facebook Ads por parte dos anunciantes parece máis que correcta ao tratarse dun conglomerado potente ao contar con numerosas plataformas líderes en número de usuarios, así como con incontables posibilidades de segmentación e ferramentas para potenciar a nosa presenza en redes sociais e contactar con clientes tanto novos como actuais”.
Outro punto a favor desta ferramenta, engade o investigador Andrés Soto, “é o esforzo por innovar en novas e potentes tecnoloxías como a Realidade Virtual ou metaverso, nas que ao situarse practicamente como pioneiros, gozarán dun maior control respecto dos seus competidores”. Segundo explica Andrés Soto, “todo iso sumado ao case tres mil millóns de usuarios activos mensuais, conforma unha combinación excelente”. Cos diferentes puntos técnicos do proceso de venda estandarizados na gran maioría de sitios web, recolle o traballo, “o proceso de compra e venda é seguro e case instantáneo, deixando os aspectos clave do proceso á mercadotecnia para atraer a eses potenciais clientes. É por iso que este conxunto de ferramentas supoñen unha vantaxe e diferenciación claves en canto a posibles competidores”.
Dous accésits
Un dos accésit foi para o traballo fin de grao Análise Económica-Financeira da Liga Española de Fútbol, realizado por Clara García. No seu traballo, a xa egresada en ADE fai unha comparativa entre 19 dos 20 equipos da primeira división de fútbol española na tempada 2021/2022 empregando os seus datos dos exercicios contables. Froito da análise realizada, destácase que o impacto da pandemia ten condicionado en gran medida os resultados obtidos polos clubs, reducíndose os ingresos da Liga Santander un 17% respecto á tempada anterior.
Outro dos accésit foi para o traballo Plan estratéxico para a creación dunha empresa apícola do xa egresado en ADE e agora emprendedor Adrián Rodríguez. O proxecto, explica, nace de necesidade real de elaborar un plan de actuación empresarial para a creación da sociedade Mel da Ribeira, co fin de absorber unha explotación apícola familiar.
Premiado no Campus de Ourense un estudo sobre o impacto de Facebook na mercadotecnia de redes
Compartir Este Artigo

