Esta semana (ata o sábado 19 de novembro) celébrase en Silleda unha nova edición da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, concretamente no recinto da Feira Internacional de Galicia. O evento conta co patrocinio coa Axencia Galega de Innovación e co seu Civil UAVs Initiative, que están a mostrar os esforzos da nosa terra no camiño de desenvolver as tecnoloxías futuras dos sistemas non tripulados. A feira vén cunha manchea de actividades (relatorios, presentacións, mesas, etc).
A Civil UAVs Initiative conta cun espazo expositivo de seu no pavillón 1, no que tamén estarán presentes a Business Factory Aero, programa de incubación, aceleración e consolidación do Polo Aeroespacial de Galicia; e empresas e centros de coñecemento do ecosistema como Airbus, Aerocámaras, Aeromedia, Centum Research & Technology, Beagle Labs, Enercraft ou ITG DroneSolutions.
Ademais, no marco do programa de conferencias celebrarase unha mesa redonda na que os protagonistas serán os axentes do ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia. Participarán neste encontro, no que se amosará unha visión integrada sobra a iniciativa, representantes dos tres novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia: Airbus, Babcock e Telespazio; das empresas da nosa terra Aeromedia e Cartogalicia; do Centro Tecnolóxico Gradiant; e de Augas de Galicia, ente usuario dunha das solucións desenvolvidas no período 2015-2020 da iniciativa, que xa se está a utilizar nos servizos da Xunta.
Programa de conferencias
A devandita mesa redonda celebrarase este xoves, día da xornada inaugural, de 13:30 a 14:30 horas. En horario de tarde, celebrarase unha presentación dos proxectos da actual convocatoria da Business Factory Aero. Será de 16:00 a 17:30 horas.
Ademais Sedexpo acollerá un completo programa de exhibicións e demostracións, no que tamén haberá presenza dos axentes do ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia. Aeromedia realizará demostracións de usos reais de drons multirrotor para emerxencias con aplicacións en praias, incendios ou vixilancia; e a empresa galega Aerocámaras desenvolverá unha xornada técnica sobre os drons en situacións de emerxencia e rescate.
A nosa terra loce na feira SEDEXPO, en Silleda, as tecnoloxías futuras dos sistemas non tripulados
Compartir Este Artigo

