Afundación presentou os detalles do seu novo ciclo de conferencias na Coruña, un programa de actividades que porá o foco na relación entre as persoas, as empresas e os puxantes sistemas novos da Intelixencia Artificial. As conferencias, organizadas por Afundación e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) ao longo dos meses de decembro e xaneiro, arrincan este xoves 1 de decembro ás 19:00. Encádranse na programación da mostra More than Human, creada polo Barbican Centre de Londres e que ficará na Coruña ata o día 5 de febreiro.
As sesións poderán ser seguidas de forma presencial e tamén en modo en liña a través de AfundaciónTV. O ciclo reúne cinco importantes voces no panorama español e europeo da Intelixencia Artificial. Trátase Nicolás Sánchez; a economista especializada no impacto social da tecnoloxía e asesora da Comisión Europea e a OCDE, Lucía Velasco; o socio-director de Big Data & Advanced Analytics na delegación española da consultora global SDG Group, Antonio Torrado; o mestrado en Intelixencia Artificial de Harvard, investigador do MIT e actualmente directivo de Hess Corporation, David Castiñeira; e a experta en robótica e control de sistemas Concha Monje, tamén directora do Center for Aeronautical Training and Services (CATS), da Universidade Carlos III de Madrid.

O día 16 de decembro, tamén ás 19:00, a economista especializada no impacto social da tecnoloxía e asesora da Comisión Europea e a OCDE, Lucía Velasco, exporá Como superar o medo aos algoritmos, analizando a relación que xa temos cos algoritmos, ou temas candentes como a convivencia laboral con robots ou a ansiedade tecnolóxica.

O experto en análise da información a gran escala, Antonio Torrado, socio director de Big Data & Advanced Analytics na delegación española da consultora global SDG Group, conducirá o público nunha viaxe Cara á IA sen medo. Fundamentos para unha IA humana e admisible, o 10 de xaneiro ás 19:00.

Esta actividade enmárcase na iniciativa Cultura por alimentos que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos e que pretende contribuír con produtos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. As persoas que asistan ás conferencias poderán colaborar facendo doazóns de produtos non perecedoiros.

