A Deputación de Lugo aprobou a solicitude para concorrer a 1,5M€ de fondos europeos destinados a implantar proxectos pioneiros en materia de transformación dixital e modernización, a través dunha liña de axudas convocada polo Ministerio de Política Territorial, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen apuntou que a institución acóllese a esta subvención “coa finalidade de desenvolver 5 proxectos que facilitarán as xestións dos veciños e veciñas nos concellos mellorarán a prestación dos servizos públicos”, ao tempo que os farán “máis útiles, áxiles e transparentes”.
As axudas solicitadas para implantar estas 5 accións irán destinadas ós concellos de menos de 20.000 habitantes que, no caso da provincia de Lugo, son todos menos o da capital.
Entre estas propostas, amosou García Porto o interese da institución de implantar un sistema dixital para a xestión das estradas da provincia, a máis extensa de España, con máis de 4.200 quilómetros, polo que “será un gran avance en materia de infraestruturas para facelas máis seguras e sustentables”. E engadiu: “Coa solicitude destes fondos europeos, aspiramos a ser a primeira Deputación de toda España en contar con este sistema intelixente, que permitirá acceder, tanto ás administracións como aos cidadáns, a numerosa información de interese en tempo real, semellante a un Google Maps”.
Esta ferramenta permitirá coñecer e notificar o estado das estradas, a intensidade do tráfico ou incidencias en cada unha vías da provincia, “polo que supoñerá un instrumento moi útil para deseñar actuacións de mellora e acondicionamento, e para responder cunha maior axilidade e eficacia a calquera tipo de circunstancia que se produza na rede viaria”, explicou a deputada.
Ademais desta iniciativa, a Deputación solicita fondos europeos para outros catro proxectos: un para a mellora da eficiencia dos servizos básicos da administración dixital dos concellos; outro para renovar equipamentos tecnolóxicos; un terceira actuación para crear oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos veciños e veciñas; e outro para a implantación dun sistema de gravación para as sesións plenarias das entidades locais.
A Deputación de Lugo quere xestionar dixitalmente as estradas da provincia
Compartir Este Artigo

