O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) presenta este mércores 14 de decembro, en formato dixital, o dossier Antoloxía 2010-2022. Nel recóllense as experiencias dalgúns dos relatores participantes nas once edicións deste evento e os avances acadados na última década no eido da xustiza e a tecnoloxía.
A publicación retrospectiva fai un percorrido por todas as convocatorias do IURISTICGAL, iniciativa que se inauguraba no ano 2010, da man do CPETIG, co propósito de “converter a Galicia nun espazo de diálogo e networking onde coñecer as iniciativas desenvolvidas para impulsar a modernización xudicial, os retos aos que se enfronta a xustiza e actualizar aos xuristas, persoal da Administración e outros profesionais forenses dos avances en materia probatoria”.
Para o presidente do CPETIG, Marcos Mata, o obxectivo deste proxecto, cuxos resultados plásmanse neste documento, é “establecer un nexo común entre a informática e a xustiza, porque soamente cunha estreita permeabilización entre os dous colectivos de profesionais pódense achegar solucións que estean á altura das circunstancias e afrontar os desafíos que se presentan”.
Asemade salienta que “a implicación da Administración para a regulación da Informática no eido xudicial, era fundamental e quedou reflectido a través do apoio proporcionado pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)”.
Catorce destacados aportes e datos relevantes das once edicións do IURISTICGAL
Ao longo de máis dunha década, o IURISTICGAL reuniu a case 60 expertos que compartiron os seus coñecementos e visións con máis de 1.000 participantes. Para a realización do dossier Antoloxía 2010-2022 catorce relatores dos eidos do Dereito, a Xustiza e a Ciberseguridade construíron o fío condutor da publicación a través da súa participación nas distintas edicións, á vez que aportaron unha visión de futuro sobre os temas marcarán á relación entre a tecnoloxía e a contorna xudicial.
Esta recompilación conmemorativa recolle os relatorios dos seguintes expertos, segundo a edición do congreso:
– 2010: Miguel Abad, perito informático experto do CPETIG.
– 2012: Alberto Martínez, xefe da Sección de Enxeñería e Informática Forense da Policía Nacional.
Joaquín Delgado, maxistrado da Audiencia Nacional.
– 2013: David Maeztu, avogado especializado en dereito de Internet, propiedade intelectual e tecnoloxía.
Jorge Campanillas, avogado, experto en dereito e informática.
– 2014: Raúl Siles, fundador e analista de seguridade sénior de DinoSec, compañía española especializada en servizos avanzados de análise de ciberseguridade.
– 2015: Juan Luis Rambla, responsable de desenvolvemento de negocio de ciberseguridade de Sidertia, empresa pertencente ao grupo Izertis.
– 2016: Samuel Parra, avogado especializado en dereito tecnolóxico e transparencia.
– 2017: Ofelia Tejerina, avogada e presidenta da Asociación de Internautas.
Manuel Guerra, analista forense na Sección Técnica da Unidade Central de Investigación Tecnolóxica da Policía Nacional.
– 2018: Mar España, directora da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).
Silvia Barrera, inspectora de Policía Nacional, experta en investigación do cibercrime e evidencias dixitais.
– 2019: Moisés Barrio, licenciado en Dereito, experto en ciberpolítica e ciberseguridade.
– 2021: Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional.
O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, quen tamén formou parte desta publicación a través do seu prólogo, remarcou que “debemos seguir sumando esforzos e aproveitar a madureza tecnolóxica da que dispoñemos para continuar mellorando infraestruturas e medios, e proseguir avanzando na capacitación, formación e información aos profesionais do dereito e lograr que sexan a nosa ponte entre o dereito a tecnoloxía”.
A presentación deste dossier enmárcase dentro do convenio que mantén o CPETIG coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para fomentar a adopción de tecnoloxías dixitais no sector xudicial e poñer ao servizo deste todas as ferramentas coas que afrontar un futuro marcado polos desafíos e as oportunidades da dixitalización.

