O Concello da Coruña e IGACiencia continúan esta tempada poñendo o foco na divulgación STEAM para a rapazada, salientando as vertentes máis participativas e creativas do dito acrónimo (Ciencia, Tecnolóxica, Enxeñaría, Arte e Matemática). Segundo informou o Consistorio, dende o venres 16 de decembro ata o 19 de xaneiro, está aberto o prazo de inscrición para participar no programa Converxencias Arte e Ciencia. Visitas escolares á exposición e obradoiro Escher 2022-23, que se levará a cabo no Centro Ágora.
Trátase dunha exposición interactiva que permitirá aproximar as crianzas ao mundo da ciencia, mentres aprenden a gozar da beleza da arte. Nesta exposición analizarán as similitudes e diferenzas entre a arte e a ciencia, recoñecendo o papel das matemáticas na base dalgunhas propostas artísticas.
Os centros educativos que estean interesados deben facelo a través do formulario de inscrición que figura na web de IGACiencia.
O prazo de inscrición para os centros educativos do concello da Coruña: desde o 16/12/2022, ás 10 h, ata o 11/01/2023, ás 14 h.
O prazo de inscrición para os centros educativos doutros concellos: 12/01/2023, ás 10 h, ao 18/01/2023, ás 14 h.
Soamente poderase inscribir un grupo por centro, pero no caso de que queden sesións sen cubrir, haberá a posibilidade de inscribir a un segundo grupo do 18/01/2023 ás 16 h, ao 19/01/2023, ás 24 h.
A mostra
A exposición Converxencias, arte e ciencia: Escher, organizada pola Institución Galega de Ciencia (IGACiencia) e o Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña, enmárcase dentro do proxecto que se vén desenvolvendo de actividades de difusión da ciencia e da cultura científica na sociedade, especialmente para mostrar as sinerxías e vínculos entre a arte e a ciencia. Trátase como dixemos dunha exposición interactiva que permite unha aproximación lúdica aos fenómenos científicos coa finalidade de enganchar á xente nova no gusto pola ciencia, ao tempo que se pretende contribuír a:
-Fomentar na xente nova unha relación, distinta da habitual, co coñecemento, para propiciar o seu desenvolvemento harmonioso e integral. Romper os límites disciplinares e potenciar a integración da ciencia con outras áreas de coñecemento, propiciar o tratamento STEAM nas aulas.
-Analizar as semellanzas e diferenzas na construción do coñecemento nas artes e na ciencia. Explorar e visualizar conceptos matemáticos a través da arte. Recoñecer o papel das matemáticas, especialmente da xeometría, na base dalgunhas propostas artísticas e na arquitectura contemporáneas.
-Aprender a gozar coa beleza da arte e da ciencia; aprender a mirar e interpretar a realidade a través da arte e da ciencia.
IGACiencia e A Coruña organizan unha mostra interactiva que mergulla á rapazada no ámbito STEAM
Compartir Este Artigo

