O centro tecnolóxico da Universidade de Vigo, AtlanTTic, vai organizar o vindeiro 21 de decembro, de 17.00 a 18.00 horas, unha xornada en streaming sobre as posibilidades empresariais que abre o novo estándar de telefonía. A xornada 5G como impulso da economía dixital é a primeira sesión dun conxunto de actividades relacionadas co estandar impulsadas polo Nodo 5G, en colaboración co Laboratorio 5G da Universidade de Vigo, a operadora autonómica RETEGAL e a axencia galega AMTEGA.
O obxectivo desta sesión é establecer as bases para un coñecemento mínimo de cara ás seguintes sesións nas que se mostrarán conceptos e prácticas coa rede 5G.
O Nodo 5G é unha iniciativa que promove e dinamiza o sector TIC galego mediante actividades de formación e traballo en rede para agrupar os diferentes axentes que poidan requirir ou executar proxectos relacionados coa 5G.
Felipe Gil, investigador de AtlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, impartirá esta primeira sesión dirixida principalmente a profesionais do ámbito das telecomunicacións, emprendedores/as e estudantes. Nela abordará algunhas cuestións como a evolución das tecnoloxías de comunicación celulares, as principais características das tecnoloxías 5G, as principais novidades tecnolóxicas e exporá casos de uso e modos de aplicación.
As persoas interesadas poden realizar a inscrición na ligazón específica habilitada.
As potencialidades empresariais da 5G, ao detalle nunha xornada de AtlanTTic o día 21
Compartir Este Artigo

