O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) fixo balance da súa folla de ruta transformadora e innovadora deste ano que remata, unha axenda que veu marcada pola obtención (a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España) de 441.695 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea para realizar tres iniciativas que contribuirán ao desenvolvemento de obras audiovisuais e a innovación no sector. Trátase dos proxectos tecnolóxicos TILGAL (ferramenta de transcrición automática ao galego), Medretia e I+P, INCUBA.
TILGAL
O Clúster vén de desenvolver o proxecto TILGAL (Ferramenta de Transcrición e Subtitulado Automático ao Galego), xunto ás empresas socias Adivina Producciones, Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Setemedia Producciones Audiovisuales e Voz audiovisual, así como ao Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) do centro de investigación AtlantTIC (UVigo) e á empresa Imaxin Software. Esta iniciativa permitiu validar o estado actual da tecnoloxía de recoñecemento automático da fala para a elaboración de subtítulos de produtos audiovisuais en galego.
O proxecto foi financiado polo Ministerio de Industria a través do programa de apoio ás AEI para contribuír á mellora da competitividade da industria española, na súa segunda convocatoria de 2021, da que obtivo 26.532 euros procedentes dos fondos europeos. E conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
TILGAL enmárcase na liña estratéxica de innovación e transformación dixital, dentro do Plan Estratéxico do Clúster para o período 2022-2025, coa que se busca un dobre obxectivo, por unha banda, impulsar os proxectos colaborativos de innovación dentro do sector audiovisual galego e, pola outra, a mellora tecnolóxica 4.0, ao igual que acontece con Medretia.
Medretia
O Clúster lidera tamén un proxecto baseado en técnicas de Intelixencia Artificial chamado Medretia, que se dirixe a desenvolver predicións a partir de datos multisectoriais, e determinar un sistema intelixente para a predición de éxito (audiovisual) e vendas (téxtil) dos produtos monitorizados, permitíndolles ás empresas adiantarse ás necesidades do mercado en base aos datos históricos de temporadas anteriores.
Tamén participan neste proxecto as empresas CRTVG, Duacode e Selmark, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Asociación para a Dixitalización da Industria de Galicia, Galicia Dixital.
Medretia contan con financiamento do Ministerio de Industria, a través do programa de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI), resultando beneficiario, na súa segunda convocatoria do ano 2022, dunha axuda de 141.084 euros.
I+P Incuba
I+P Incuba é a nova incubadora de proxectos de cine e televisión do Clúster que vén de celebrar a súa primeira edición. Trátase dun programa semente que tamén abrangue unha plataforma de pitching onde participan profesionais e empresas que superen previamente un proceso de selección, e que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de seis proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultaría.
Este proxecto resultou beneficiario dunha axuda de 250.000 euros do ICAA, a través da súa convocatoria de axudas a laboratorios e incubadoras de proxectos audiovisuais, para as edicións de 2022 e 2023.
Outros proxectos: plató virtual
Ademais, na carteira de proxectos do Clúster para optar aos fondos europeos inclúese unha iniciativa para a implantación de diversas infraestruturas e servizos dixitais que contribuirán a mellorar a competitividade do audiovisual galego, entre as que está a construción dun plató virtual. Segundo explica o CLAG, a obtención de financiamento europeo para este novo plató, promovido e co-financiado pola Deputación da Coruña e no que participa o Clúster, canalizouse a través da convocatoria de axudas para a creación ou mellora de ecosistemas dixitais no sector audiovisual, do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital no marco do PRTR, da que resultou beneficiaria de 5 millóns de euros. O novo estudio, que albergará a Cidade das TIC da Coruña, permitirá crear contidos que son de aplicación no ámbito cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos.
O CLAG impulsou unha ferramenta de transcrición e subtitulado automático ao galego
Compartir Este Artigo

