A Deputación da Coruña e o Clúster Audiovisual Galego (CLAG) achegaron este luns 19 máis detalles sobre a súa iniciativa conxunta para crear un estudo-escenario virtual de rodaxe na Cidade das TIC da Coruña (a antiga Fábrica de Armas), proxecto que adiantamos hai uns días dende Código Cero. Os datos foron subministrados polo presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, xunto con representantes do CLAG e dalgunhas das principais empresas galegas do sector como Vaca Films, Portocabo, Voz Audiovisual ou Ilux. O tema a tratar na xuntanza de traballo foi o proxecto Ecosistema Audiovisual de Galicia, co que a Deputación pretende situar a Galicia dentro do hub audiovisual español a través do que seria, nas súas palabras, “a construción dun dos maiores estudos virtuais de España na Cidade das TIC da Coruña”.
O encontro serviu para coordinar a posta en marcha desenvolvemento desta iniciativa, que suporá un investimento de 6,7 millóns de euros. Segundo fixeron saber, prevese que o estudo estea rematado para finais de 2023 na Cidade das TIC. A pretensión é coordinar este proxecto con outros centros de produción audiovisual do Estado, “para que os recursos sexan complementarios e interoperables, sacando o máximo rendemento”, sinalou González Formoso, engadindo que “o proxecto do Goberno de España de converter este país nun hub de produción audiovisual a nivel europeo ten todo o sentido pola potencia do sector”. Tamén subliñou que “en Galicia, temos avanzado moito máis que a media” neste sentido, e que a nosa terra é hoxe “unha referencia en produción audiovisual”. Amais, con esta iniciativa, dixo, “queremos incorporarnos a ese proxecto de hub estatal, coordinándonos co resto de centros do Estado”.
O presidente provincial destacou que este proxecto permitirá “dar saída a todo ese talento que agroma no país, de xente nova e non tan nova, de empresas que levan traballando no sector audiovisual clásico tradicional e que souberon adaptarse á nova realidade de plataformas dixitais”.
Pola súa parte, Jorge Algora, presidente do CLAG, indicou que “as empresas do sector, que levamos anos traballando en producións e que estamos facéndoo para as principais plataformas, imos ter unha ferramenta que nos distinga, que será moi potente, que servirá para atraer rodaxes a Galicia e que, sen o apoio das institucións, sería inviable”. Tamén explicou que se trata “dunha aposta que nos destaca do resto de territorios e que servirá para traer rodaxes a Galicia. Hai potencia a nivel paisaxístico pero faltábannos esas infraestruturas diferenciais que fan que as plataformas se decidan a vir aquí a facer producións, e onde tamén teñan cabida os efectos especiais, a xeración de contidos 3D ou a animación, onde Galicia é moi potente”.
Un investimento de 6,7 millóns de euros
Os novos e pioneiros estudos virtuais, que se situarán na Cidade das TIC da Coruña, contarán cun investimento de 6,7 millóns de euros, dos que 5 millóns de euros estarán financiados con cargo ao Plan de Recuperación do Goberno de España a través dos fondos Next Generation e 1,7 millóns de euros con fondos propios da Deputación da Coruña. Os fondos europeos para este proxecto foron tramitados polo servizo de Desenvolvemento Territorial co apoio do Centro Next da Deputación no Concello da Capela.
O estudo permitirá crear contidos inmersivos de ficción, Realidade Virtual e Aumentada que son de aplicación no ámbito cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos.
“Dispor dun estudo virtual dotado de ferramentas, software e equipamento evitará que as produtoras galegas teñan que desprazarse a outros territorios, como Madrid ou Barcelona, para realizar parte dos seus proxectos, ou que sigan improvisándose estudos en grandes espazos comúns sen os recursos axeitados, o que redundará nunha mellora da competitividade do audiovisual galego”, explicaron fontes da Deputación.
O estudo virtual de rodaxe da Cidade das TIC virá cun investimento de 6,7 millóns
Compartir Este Artigo

