Este mércores 21 celebrouse en Santiago o acto de clausura do proxecto galego-portugués Emprendemakers, dirixido a impulsar a iniciativa empresarial innovadora nas dúas beiras da raia. Na cita participou, facendo balance da iniciativa, a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, quen expuxo os resultados alcanzados en Galicia. Segundo dixo, Emprendemakers está a permitir que once proxectos empresariais reciban xa asesoramento.
Trátase de once iniciativas que xurdiron durante a Academia Maker, que puxo en marcha a Xunta a través deste proxecto. A día de hoxe estanse a culminar diversas accións de aceleración e iniciativas maker e este xoves 22 de decembro celebrarase, no marco deste plan, unha xornada virtual sobre acceso a financiamento.
Emprendemakers, ademais, posibilitou que preto de 100 persoas participaran nas formacións ligadas á Academia Maker que levou a cabo a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, actividades desenvolvidas entre agosto e novembro que puxeron o foco en competencias básicas para o emprendemento. Os potenciais emprendedores que tomaron parte nos cursos adquiriron coñecementos sobre ferramentas de xestión e competencias sobre temas específicos de innovación, aumentando as súas posibilidades de éxito na súa inserción empresarial como emprendedores.
A Xunta tamén puxo en marcha no marco de Emprendemakers obradoiros formativos en tecnoloxías maker, como instrumentos de xeración de solucións innovadoras e creativas. Segundo explicou Ardao, a iniciativa baseouse nun conxunto integral de formacións cuxo obxectivo foi proporcionar aos makers maiores de 18 anos as ferramentas necesarias para converter a súa idea ou o seu prototipo nunha idea de negocio ou unha mellora innovadora ao servizo das empresas da Eurorrexión.
Emprendemakers seguiu a filosofía maker coa que os emprendedores aprenden a través do que fan, sobre todo en eidos que implican colaboración e tecnoloxía.
Coa iniciativa, que tamén permitiu identificar 26 centros de innovación en Galicia e o norte de Portugal para poñer os seus recursos a disposición dos novos creativos tecnolóxicos, buscouse potenciar a transferencia de coñecementos, especializacións e procedementos para dar lugar a sinerxías que favorezan a creación de empresas innovadoras impulsadas pola mocidade.
Emprendemakers posibilita a creación de 11 proxectos empresariais
Compartir Este Artigo

