A misión galega BIXO de UVigo SpaceLab, orientada a avaliar no espazo o comportamento de microorganismos, é un dos seis proxectos seleccionados para participar no programa Fly Your Satellite! Design Booster Pilot da Axencia Espacial Europea. Deste xeito, o equipo formado por preto de 40 estudantes de diferentes titulacións da UVigo, vai contar co apoio de especialistas do máximo nivel durante o desenvolvemento da misión, así como con toda a experiencia e as facilidades das que dispón a axencia. En palabras de Manuel Diz, coordinador do proxecto, “a ESA vaise implicar de cheo no peche do deseño e na parte da testaxe do satélite”. Por certo que o proxeto tamén foi seleccionado pola academia chinesa de tecnoloxía de vehículos de lanzamento para ser enviado ao espazo en 2024.
Respecto da ter sido seleccionado pola Axencia Espacial Europea, o proxecto galego competía con outros 11 equipos de estudantes de diferentes universidades europeas, dos que só seis pasaron a criba: o equipo da Universidad Carlos III de Madrid e o resto de centros de Suíza, Italia e Romanía.
O asesoramento da ESA chegará en formato híbrido, incluíndo tanto formación en liña como a realización das probas dos prototipos nas súas instalacións, xa que o programa dálles acceso a todos os instrumentos e facilidades da ESA para facer probas de certificación en condicións espaciais.
O programa ten unha duración dun ano e medio e durante este tempo a ESA acompañará en todo o momento aos integrantes de UVigo SpaceLab no desenvolvemento da misión.
BIXO é o satélite máis pequeno que se quere pór en órbita con este tipo de cargas biolóxicas, xa que ata o de agora a NASA e o resto de axencias que desenvolveron satélites deste tipo fixérono cun tamaño maior, é dicir, cun formato cubesat 3U (30X10X10 cm) e desde UVigo SpaceLab farano en 2U (20x10x10 cm), o que supón un reto adicional polo compacto que será todo o sistema, explican dende o equipo vigués, cuxos resultados acadados nos diferentes concursos e programas nos que levan participado foron máis que positivos. “Recibir a misión por parte da IAF, a Federación Astronáutica Internacional, e da CSA, a Academia Espacial de Vehículos de China, mediante o premio que nos permite poder lanzar o noso satélite a órbita foi unha grande ilusión para nós, pero ver que outra axencia internacional como a ESA admitiu a nosa participación neste programa demostra que a Universidade de Vigo e os seus estudantes seguen unha carreira espacial que nos pon no mapa, non só a nivel europeo senón mundial”, indica Diz.
Unha vez anunciados os proxectos que van participar no programa, nas vindeiras semanas recibirán novas indicacións da ESA, incluíndo a valoración a toda a documentación presentada ata o de agora e explicacións relativas aos pasos que deben seguir para preparar a seguinte revisión do proxecto por parte das persoas expertas.
A misión espacial BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment in Orbit), impulsada pola asociación de estudantes UVigo SpaceLab ten o principal obxectivo de analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.
A Axencia Espacial Europea supervisará o desenvolvemento da misión BIXO de UVigo SpaceLab
Compartir Este Artigo

