A Aula CeMIT de Ames continúa neste punto de inflexión entre 2022 e 2023 a súa oferta formativa tecnolóxica. Faino con seis cursos para a rapazada e outros cinco que están dirixidos a adultos. Así mesmo, o persoal informa que o horario de apertura da aula entre o 26 de decembro e o 5 de xaneiro será, de luns a venres, dende as 8:05 ata as 13:50 horas, excepto cando se celebren cursos presenciais.
O programa formativo inclúe unha gran variedade de cursos orientados a todo tipo de público. Haberá tanto obradoiros de Nadal para a rapazada como un programa de iniciación para os máis maiores. Nesta ocasión ofértanse tamén propostas centradas na ofimática e cursos de mecanografía para menores de idade.
Cursos para menores
Os rapaces e rapazas amesáns poderán gozar durante o período de vacacións de diversos obradoiros de creación de postais de Nadal. Entre os días 27 de decembro e 3 de xaneiro, de 10:30 a 12:00 horas, celebrarase o primeiro destes cursos, que está dirixido á cativada de entre 5 e 8 anos. O obxectivo é introducir aos nenos e nenas na informática a través do programa Paint.
Así mesmo, entre o mércores 28 de decembro e o mércores 4 de xaneiro, no mesmo horario, celebrarase outro curso, para rapaces e rapazas de entre 9 e 12 anos. Nesta ocasión, os programas empregados serán Pixelart e Voxelart, que permiten crear debuxos en baixa resolución semellantes aos dos videoxogos tradicionais, tanto en 2D como en 3D.
Entre os días 29 de decembro e 5 de xaneiro, a rapazada de entre 8 e 14 anos poderá asistir ao último destes cursos, no que se deseñarán as postais de Nadal a través da linguaxe de programación Scratch, que serve para iniciar aos cativos e cativas neste ámbito. Neste obradoiro, a desenvolver en horario 10:30 a 12:00 horas, os asistentes aprenderán as bases para crear unha postal de Nadal animada, a modo de felicitación de aninovo.
Por outra banda, os rapaces e rapazas poderán desfrutar tamén de diversos cursos de informática e ofimática, que darán comezo unha vez pasado o Nadal. Para comezar, entre o 17 de xaneiro e o 28 de marzo está programado un curso de nivel medio para a cativada maior de 9 anos. “Trátase”, explican dende Aula CeMIT, “dunha formación axeitada para aquelas persoas que xa realizaran anteriormente cursos de informática básica, e que xirará en torno á utilización avanzada do navegador web e as buscas en Internet, así como o manexo do correo electrónico, a busca en Wikipedia e o traballo en equipo na nube”. Impartirase todos os martes, de 17:15 a 18:45 horas.
Ademais, impartiranse dous cursos de mecanografía entre o 19 de xaneiro e o 30 de marzo. O primeiro deles, que se desenvolverá os xoves de 17:00 a 18:00, está orientado a crianzas menores de dez anos, mentres que o segundo, que tamén será os xoves, de 18:00 a 19:00, diríxese a rapazada maior de dez anos. En ámbolos dous será empregada unha plataforma online coa que o alumnado poderá practicar en calquera momento dende a súa casa.
Propostas presenciais e en liña para adultos
Para os adultos tamén se ofertan cinco cursos, dos cales dous son presenciais, mentres que os outros tres realizaranse de maneira online. Dende o 16 de xaneiro ata o 17 de febreiro, todos os luns, mércores e venres, de 10:00 a 12:00 horas, celebrarase un curso de iniciación a Internet. En total impartiranse 30 horas de clase, nas que se aprenderá a empregar os navegadores, a facer buscas de información, imaxes ou noticias; así como a manexarse con plataformas multimedia (Youtube, radio, televisión) e medios de comunicación escritos.
Por outro lado, dende o 27 de febreiro e ata 0 17 de marzo desenvolverase outra formación de iniciación ás redes sociais, que tamén terá lugar os luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 12:00 horas. Os asistentes aprenderán a manexarse coas redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter, Youtube, TikTok, BeReal…).
Para cada un deses cursos ofertaranse 13 prazas, e todos os alumnos poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois das clases, para realizar prácticas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema.
O primeiro dos cursos online será o luns 12 e o mércores 14 de decembro, de 16:30 a 18:00 horas, e versará sobre as compras seguras a través de Internet. Por outra banda, entre o 16 de xaneiro e o 22 de febreiro impartirase outra formación sobre o procesador de textos LibreOffice Writer, os luns e os mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Trátase dun curso a través de YouTube de 18 horas que serve como introdución e chega a a un nivel medio no uso do programa. Entre os aspectos que abrangue o temario están o formato de carácter, o parágrafo e a páxina, a inserción de elementos como imaxes, formas, ligazóns, cadros de texto, etc.
Por último, entre o 27 de febreiro e o 4 de abril celebrarase o curso de follas de cálculo con LibreOffice. Desenvolverase tamén os luns e os mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Novamente, será a través de YouTube, e nel ensinaranse nocións sobre o formato numérico e da folla de cálculo, o manexo do asistente de funcións, as operacións con porcentaxes ou datas e funcións básicas.
A Aula CeMIT de Ames propón once novos cursos de formación para rapazada e adultos
Compartir Este Artigo

