A Deputación de Ourense, a través do Inorde, e coa colaboración de Hyupersa, puxo en marcha este Nadal un proxecto piloto de uso temporal de vehículos (carsharing) para a mellora dos fluxos turísticos na provincia. O piloto, que durará 5 meses, vai permitir que os viaxeiros que cheguen á provincia en tren teñan a opción dunha modalidade de transporte máis para moverse polo territorio. Estes vehículos, que poderán reservarse a través dunha aplicación móbil específica, por horas, días ou semanas, estarán situados tanto nas inmediacións da estación de tren da Gudiña (porta de entrada a Galicia da Alta Velocidade) como na da capital nas que teñen parada os trens AVE ou Alvia e outros da rede de alta velocidade.
O programa arrinca con cinco vehículos, todos con etiqueta Eco e que promocionarán a marca turística da provincia. O servizo promoverase en orixe tanto con publicidade na Estación de Chamartín como a través doutras accións de comunicación, “co obxecto de favorecer que o visitante poida coñecer os diferentes recursos enogastronómicos, naturais, patrimoniais e termais que atesouran os 92 municipios que integran a provincia”, destacou o presidente da Deputación, Manuel Baltar.
A prestación do servizo realizaraa Huypersa a través dunha aplicación xestionada por Dealer Best. Os usuarios, unha vez dados de alto na plataforma, terán ao seu alcance tarifas promocionais que oscilan desde os 8,5 euros para usar o vehículo 1 hora aos 37 que sería a tarifa por día. O coche, que se activa e desactiva a través do teléfono intelixente do viaxeiro, poderá ser estacionado ao finalizar o seu uso nun radio de 150 metros ao redor das estacións de tren de Ourense e A Gudiña.
A Deputación de Ourense lanzará unha aplicación de carsharing para os viaxeiros que cheguen á provincia
Compartir Este Artigo

