
O plan abrangue unha plataforma smart e aplicacións para móbiles, ademais dun portal web de información turística; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade virtual e Aumentada; e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.
O presidente da Deputación explicou que “a través desta iniciativa os turistas poderán dispoñer dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña Ourense ao teu alcance); de servizos personalizados baixo demanda (liña Sente Ourense), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña Ourense guíate)”.
Pola súa banda, a directora de Telefónica en Galicia e Asturias explicou que “o obxectivo é dixitalizar, e polo tanto facer máis eficaces, actividades e reservas frecuentes como as estadías nos hoteis ou restaurantes, visitas a monumentos ou rutas”. E engadiu: “En Telefónica estamos moi satisfeitos do traballo que estamos levando a cabo coa Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial a través de Red.es para introducir novas solucións tecnolóxicas no ámbito turístico, e no que ademais de Ourense están as deputacións de Badaxoz e Cádiz, e os concellos de Arona, Benidorm, Bilbao e Calviá”.
Este proxecto foi deseñado pola Deputación de Ourense co fin de promover “un modelo de turismo interactivo e intelixente que teña como base o emprego das TIC por parte das entidades locais dedicadas á actividade turística, permitíndolle a estas ofrecer servizos diferenciais e competitivos”, explicou Baltar, engadindo que a finalidade última de Hai un Ourense para ti é a de “crear un territorio intelixente capaz de manter un desenvolvemento económico sustentable para a poboación local, e a proxección dese territorio cara o exterior coa atracción de máis visitantes mediante a promoción dunha marca de calidade”.
Este proxecto de transformación contempla a apertura cara un modelo tecnolóxico aberto que facilite a participación, diálogo e colaboración entre os turistas e os cidadáns a través das ferramentas dixitais. Mediante a Plataforma de Xestión Integral dos Recursos, preténdese recompilar todo tipo de datos para elaborar diferentes servizos e mostrar toda a información turística da provincia de Ourense “a modo de oficina turística virtual”, salientou Baltar.
A Deputación de Ourense e Telefónica impulsan a transformación turística da provincia
Compartir Este Artigo

