A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe Valentín García, comeza o ano destinando un total de 385.000€ a colexios e institutos sostidos con fondos públicos para que desenvolvan iniciativas de fomento do uso do idioma galego nas aulas durante este curso 2022-23. Porase o foco en iniciativas que tiren proveito das novas ferramentas de información e comunicación. As solicitudes haberá que facelas de xeito telemático e os datos sobre as axudas están todos debullados no Portal da Lingua da Secretaría Xeral.
Trátase dunhas convocatorias articuladas cada ano para todas as etapas educativas non universitarias co fin de contribuír a financiar as actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado.
Para optar ás axudas, os equipos ou profesores encargados da dinamización da lingua deberán presentar os seus proxectos e actividades, que serán logo valorados e puntuados para a determinación das contías. A cantidade máxima que poderá percibir un centro varía entre os 220 e os 1.000 euros en función do número de alumnos.
En canto aos criterios de valoración, a calidade do proxecto terá un peso do 80% da puntuación total. Teranse en conta unha serie de variables como o grao de implicación dos membros da comunidade (familias, profesorado e persoal de administración e servizos), o nivel de utilización de novas tecnoloxías (páxinas web, blogs, redes sociais, códigos QR, materiais audiovisuais, robótica…), o grao de colaboración con outras institucións ou entidades externas e con outros centros e o carácter plurianual das actividades. O 20% restante asígnase en función do número de matrículas.
Con estas axudas anuais búscase “reforzar a dimensión comunicativa do galego en contextos vivos e facilitar ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz”.
Política Lingüística achega 385.000 euros para proxectos innovadores de galego na docencia
Compartir Este Artigo

