A Xunta (a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería de Medio Rural) e as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo veñen de ampliar a súa colaboración para o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia. Isto traducirase este ano nun mapa dixital de gran precIsión, actualizado, sobre a masa boscosa da nosa terra e as súas características.
O obxectivo é mellorar o acordo previo de marzo de 2020 e prorrogar a súa vixencia ata finais de 2024. En virtude desta renovación a Xunta mobilizará unha nova achega de 530.380 euros para financiar as accións do período 2023-2024, ao que hai que engadir as contribucións da USC e da UVigo (case 40.000 euros en total). En total estariamos a falar de máis dun millón de euros para o período 2020-2024.
A finalidade do Inventario Forestal Continuo de Galicia é “coñecer, de maneira precisa e actualizada, a cantidade de madeira rexistrada nos montes galegos e máis a súa calidade, algo esencial para a planificación e a toma de decisións”, informou a Dirección Xeral, engadindo que “xa nos próximos meses deste ano 2023 Galicia contará cun mapa forestal preciso que recollerá a superficie total forestal presente na nosa comunidade e repartida por formacións específicas”.
A Dirección Xeral lembrou tamén que os primeiros resultados deste inventario xa están dispoñibles para o público nun portal web, realizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). “É unha páxina moi completa, onde se pode acceder a un visor cartográfico para a súa consulta ou a un centro que permite descargar diversos datos”, engadiu Medio Rural, explicando que este espazo web enmárcase no convenio de colaboración que agora se prorroga coas universidades.
Dentro desas liña de colaboración, estanse a elaborar de xeito continuado resultados en forma de mapas e de datos provenientes das parcelas de inventariado que están a recoller as brigadas da empresa pública SEAGA baixo os protocolos establecidos polas universidades galegas, e que serán os que se irán reflectindo no devandito portal web.
Medio Rural, a USC e a UVigo seguirán mellorando os recursos online sobre o bosque galego
Compartir Este Artigo

