O Steve Jobs Archive vén de estrear o libro Make Something Wonderful. Steve Jobs in his own words, que recolle unha selección de discursos, entrevistas e misivas do cofundador de Apple, ofrecendo unha interesante perspectiva sobre un dos emprendedores máis recoñecidos a nivel mundial.
O libro recolle a visión de Jobs sobre a súa infancia, o lanzamento e a súa marcha de Apple, a súa etapa en Pixar e NeXT e o seu retorno á empresa que fundou, para levala ao momento doce que vive actualmente.
O texto foi editado por Leslie Berlin e conta cunha introdución escrita por Laurene Powell Jobs. O libro pode lerse de balde vía web, estando tamén dispoñible de balde a través de Apple Books e incluso podendo descargarse de balde en formato EPUB para cargar en lectores de libros electrónicos compatibles.
Cómpre salientar que, aparte dos mencionados textos, o libro tamén recolle unha serie de fotografías de Steve Jobs que podemos considerar históricas, xa que reflicten a vida de Jobs dende a súa infancia ata os seus grandes momentos (como a presentación do iPhone ou o seu discurso na Universidade de Stanford).
Un libro electrónico de balde repasa a vida de Steve Jobs a través das súas propias palabras
Compartir Este Artigo
