Aínda que Elon Musk conseguiu relaxar a tensión entre Twitter e a BBC despois de que a conta de Twitter do medio británico fose etiquetado como financiado polo Goberno, a NPR (o servizo público de radiodifusión dos EE.UU.) non recibiu a mesma cortesía, e considerou unha ofensa que Twitter os etiquetase como un medio de propaganda institucional á altura dos medios rusos e chineses.
NPR é unha empresa privada, sen ánimo de lucro e con independencia editorial, que recibe menos do 1% dos seu orzamento de fontes públicas (bastante menos que, por exemplo, empresas de Elon Musk como Tesla ou SpaceX), polo que asegurar que son un medio financiado polo Goberno non se corresponde en absoluto coa realidade e prexudica seriamente a súa reputación, de aí que decidisen non publicar novo contido nas 52 contas de Twitter oficiais que ten a entidade.
Nas contas da NPR instan aos seus seareiros a subscribirse aos seus boletíns e instalar a súa aplicación móbil de querer recibir información actualizada do seu servizo público, así como seguir a NPR noutras redes sociais.
O director xeral de NPR, John Lansing, asegurou que incluso aínda que Twitter elimine a etiqueta calumniosa das contas de NPR, perderon a confianza en Twitter, e teñen que reflexionar se retomarán a actividade nesta plataforma. Tamén instaron aos responsables das distintas redes sociais de NPR a revisar as súas estratexias e no caso dos seus xornalistas deixan na súa propia man a decisión de continuar a utilizar Twitter.
Lansing tamén apunta a que Twitter levaba anos sendo un elemento crítico para o seguimento da actualidade, facilitando o contacto con persoas en grandes sucesos e con fontes autorizadas, pero os cambios de políticas realizados por Musk degradaron a plataforma de xeito que actualmente está repleta de contido abusivo, o que tivo un grande peso á hora de decidir deixar de actualizar as contas de NPR na plataforma.
ACTUALIZACIÓN: A outra grande plataforma de medios públicos nos EE.UU., PBS, tamén deixou de publicar en Twitter tras ser etiquetada como propaganda.
