Nas últimas horas Twitter mellorou a experiencia de escritura e lectura, activando a posibilidade de escribir chíos de ata 10.000 caracteres de lonxitude, así como a posibilidade de poder formatar o texto en letra grosa e cursiva, aínda que para poder gozar destas posibilidades será preciso estar subscrito ao servizo de pagamento Twitter Blue.
Tamén activaron unha nova opción de Subscricións no apartado de Monetización da aplicación, que permite que os usuarios poidan cobrar por ofrecer contido adicional aos seus seareiros.
Esta función leva bastante tempo en probas baixo do nome de Super Follow, e agora transfórmase para abrir a máis público, precisando que as contas que soliciten activar as subscricións teñan un mínimo de 500 seareiros, a conta estivese activa nos últimos 30 días e o usuario tivese ao menos 18 anos de idade.
Os subscritores poderán recibir insignias que dan un recoñecemento especial, acceder a contido adicional e algunhas outras opcións que irán chegando no futuro.
Os creadores que acepten subscricións durante os vindeiros 12 meses recibirán case a totalidade dos cartos das subscricións (aos que habería que restar as comisións dos sistemas de pagamento), estando por determinar a comisión que recibirá Twitter unha vez que se consolide este modelo de subscrición.
Twitter activa texto con formato e subscricións de pagamento
Compartir Este Artigo
