Coa presentación de GPT-4 daba a impresión de que o salto que estaba a dar a intelixencia artificial en moi pouco tempo era significativo, pero dende OpenAI están a apuntar que non se pode avanzar moito máis por ese camiño, xa que a estratexia de medrar unicamente en escala tamén supón incrementos nos recursos necesarios, de aí que o director xeral da compañía, Sam Altman, asegura que os vindeiros progresos non poden chegar de facer os modelos maiores.
Altman pensa que «estamos na fin dunha era con estes modelos cada vez máis xigantes» e «teremos que facelos mellores doutros xeitos». Isto pode dar a entender que GPT-4 sería o último grande avance de OpenAI seguindo a estratexia actual de incremento do volume de datos, por non resultar rendible continuar a avanzar nesa dirección, aínda que non avanza as estratexias e técnicas que haberá que desenvolver para que continúe a mellorar a intelixencia artificial ao ritmo actual.
No evento no MIT no que Altman fixo estas declaracións confirmou que o adestramento de GPT-4 custou máis de 100 millóns de dólares, dando unha idea do complicado que é entrar neste sector que conta cada día con máis competencia, pero no que claramente só poderán sobrevivir uns poucos actores.
O máximo responsable de OpenAI tamén confirmou que non comezaron a desenvolver nin adestrar o que sería GPT-5, nin teñen previsto iniciar tal actividade por algún tempo, deixando claro que os investimentos nesta tecnoloxía teñen que ponderarse axeitadamente se queren que esta tecnoloxía sexa sustentable.
Os grandes modelos de intelixencia artificial poderían ter chegado ao seu teito
Compartir Este Artigo
