Nos últimos anos emerxeron varias plataformas do que se deu en chamar audio social, consistentes basicamente na creación de salas nas que conversar en directo con certo nivel de moderación que facilita a participación de varias persoas ás que poden unirse moitos oíntes. Aínda que a o formato é atractivo e resulta moi práctico para os usuarios, non é tan bo como modelo de negocio, probablemente porque a súa explotación publicitaria resulta moi complicada se non quere resultar intrusiva, e os últimos movementos no sector poden dar a entender que estamos ante unha revolución frustrada.
A compañía pioneira no audio social é Clubhouse, que foi a que promoveu a competencia, grazas en grande medida a que iniciou a súa andaina cunha aplicación para iPhone na que podíase participar mediante invitación, pero que tardou tanto en lanzar a súa versión para Android que facilitou que Twitter, Telegram, Discord e mesmo Facebook lanzasen alternativas, asolagando un mercado emerxente facendo moi complicada a súa evolución.
Aínda que Clubhouse continúa a ser o grande referente, a compañía está a pasar por malos momentos, e anuncia que vai reducir o seu tamaño á metade e propón aos seus traballadores unha reformulación de todo o negocio, xa que o seu servizo desenvolveuse en plena pandemia, o que favoreceu que moitos usuarios prestasen atención ao fenómeno, pero que o abandonaron agora que teñen moitas outras actividades dispoñibles competindo polo seu tempo de lecer.
Mentres se prepara un Clubhouse 2.0 temos que outras plataformas semellantes non chegaron a ter unha masa crítica que facilitase a súa consolidación, e incluso un xigante como Spotify decidiu botar o peche da súa aplicación de audio social, Spotify Live.
A plataforma que si ten o potencial manter o pulo do fenómeno do audio social sería Twitter Spaces, pero dende que Elon Musk está á fronte de Twitter o servizo conta con menos recursos, polo que experimenta fallos tan frecuentes que varios espazos que se celebraban periodicamente deixaron de convocarse, polo que non sería unha sorpresa que en calquera momento eliminasen este servizo integrado en Twitter, que actualmente ten o seu desenvolvemento conxelado (o que é evidente por detalles como que aínda é imposible participar nun espazo dende un ordenador persoal).
Clubhouse prescindirá da metade do seu persoal
Compartir Este Artigo
