Imaxina por un intre que perdes a audición. Pensa agora a cantidade de situacións da túa vida que cambiarían: unha consulta médica, un trámite presencial coa administración, as conversacións con amizades. Agora imaxina que non perdes a audición, senón que naciches sen ela. Non podes adquirir o principal medio de comunicación da túa contorna, a palabra falada, e teste que comunicar cun idioma visual que coñece pouca xente. Vas ao colexio e encontras moitas barreiras para avanzar coa mesma velocidade que o resto da clase. Atopas que sen unha persoa intérprete non podes desenvolverte con plenitude na sociedade. Aprendes a ler os beizos pero non sempre podes entender o que che din e, aínda que aprendiches a falar, dáste conta de que a xente non te entende ben e non fai un esforzo por atopar unha alternativa de comunicación. Rematas por empregar unha lingua visual minoritaria que che é natural e che permite comunicarte cun círculo reducido do que só saes coa axuda dunha persoa intérprete.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, xunto con persoal da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), e o apoio económico do Ministerio de Ciencia e Innovación (MICINN) e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), está a desenvolver tecnoloxía para a tradución da Lingua de Signos Española ao español falado ou escrito.
A Lingua de Signos Española, LSE, está recoñecida oficialmente desde 2007, pero os compromisos adquiridos para potenciar a inclusión das persoas xordas na sociedade non se cumpriron plenamente. Para que unha persoa xorda poida comunicarse nun ambiente educativo, social e laboral con persoas oíntes sería preciso que houbese moitas máis facilidades.
O recoñecemento automático da lingua de signos é aínda un problema aberto ao que non se prestou moita atención en comparación co recoñecemento automático de fala, que implica traducir voz a texto. Consciente da importancia da cooperación da comunidade xorda, atlanTTic ten en marcha tres proxectos de investigación nos cales colabora con FAXPG e conta co apoio do Centro de Normalización Lingüística de la Lengua de Signos Española (CNLSE).
O máis práctico é o proxecto SignaMed, iniciativa de ciencia cidadá financiada pola FECYT que pode servir como exemplo dunha colaboración multidisciplinar e inclusiva cun obxectivo social e beneficioso para todas as partes. Trátase do primeiro dicionario accesible en LSE e español con termos do ámbito da saúde. O dicionario medra coa colaboración da comunidade xorda, que grava a través de signamed.web.app variacións dos signos para que o sistema de Intelixencia Artificial que está por debaixo aprenda a recoñecelos e os integre no glosario de termos accesibles. Nutrindo o dicionario con máis vocabulario gaña a comunidade xorda, que ten acceso a definicións de conceptos do coidado de saúde na súa propia lingua, gaña o persoal médico porque pode aprender signos de enfermidades e tratamentos para tender unha ponte comunicativa coas e cos pacientes con xordeira e gaña o equipo de investigación porque pode incrementar o corpus de signos que van facer falta para construír frases.
O máis teórico é un proxecto financiado polo MICINN en colaboración con persoas expertas en tradución automática texto a texto da Universidade do País Vasco e do Centro de Supercomputación de Barcelona, onde o equipo de atlanTTic aporta o seu coñecemento para converter a información visual en secuencias de números que conteñan o detalle e o contexto dun signo nunha frase.
O terceiro proxecto, SignaSalud, tamén financiado polo MICINN na súa convocatoria de Proba de Concepto, consiste en desenvolver un sistema de tradución de LSE a español na contorna de urxencias hospitalarias para que as persoas xordas poidan comunicarse co persoal de administración e triaxe. O obxectivo é que unha persoa xorda usuaria da lingua de signos poida chegar soa a urxencias e comunicar por que foi, como se atopa, rexistrarse en administración e responder ás preguntas de triaxe ata ser derivada á persoa especialista. Ese sería un tempo gañado ata que un familiar ou intérprete chegue a acompañala no resto do proceso comunicativo. Neste proxecto tamén colabora a FAXPG para obter un corpus paralelo de miles de frases en LSE e español con base no protocolo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, que forma parte do proxecto xunto a empresa Balidea.

