O biopolo da Sionlla (Santiago), a Cidade das TIC da Coruña, o escenario virtual inmersivo que impulsa no dito completo a Deputación da Coruña foron tres dos temas tratados no segundo Encontro do ecosistema de investimento en ciencia e tecnoloxía deptech, que se celebrou esta semana na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC baixo o lema Investir en ciencia si é rendible. Impacto e retorno. Entre os participantes atopábase o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, quen destacou a importancia de apostar pola ciencia e a tecnoloxía para “impulsar Galicia”.
E engadiu: “Debería promoverse un pacto entre todas as institucións para que todos puxeramos o noso grao de area, achegando unha pequena parte do orzamento”, dixo para lembrar que a Administración provincial, pese a carecer de competencias nese eido, xa está a contribuír con investimentos por valor de 100 millóns de euros co fin de prestar apoio a “1.800 proxectos emprendedores que alberguen os soños de aqueles que non queren deixar o seu país” e queren investigar e traballar en Galicia.
O presidente provincial participou na mesa redonda Investimento que fai país, na que destacou algunhas das iniciativas que promove ou nas que participa a Deputación da Coruña, como é a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, “unha aposta polo talento e o emprendemento” e unha oportunidade para as iniciativas de ámbito tecnolóxico, entre outros sectores, que conta con 11 centros adheridos nos que xa están integrados 15 proxectos vinculados á innovación. Porén, precisou que eses coworkings constitúen só unha parte dunha liña de traballo que inclúe “proxectos estratéxicos” coma o escenario virtual Coruña Estudo Inmersivo, na Cidade das TIC. Trátase dunha infraestrutura que se atopa xa en fase de construción e que vai servir de impulso ao audiovisual galego, un sector integrado por máis de 700 empresas que dan traballo a 4.500 profesionais.
Tamén lembrou o compromiso da Deputación co biopolo da Sionlla, en Santiago, cun investimento dun millón de euros para contribuír a converter a capital galega nun referente en biotecnoloxía, ademais da súa participación na incubadora de empresas de alta tecnoloxía en Intelixencia Artificial, que se vai crear na Cidade das TIC e que estará dirixida a eidos como a industria intelixente, a saúde, a economía circular e os servizos públicos.
Durante o evento, organizado por Unirisco e Bio&Tech Smart Capital, de Noso Capital, Formoso compartiu conversa con Pilar Carrato, directora económico-financeira do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación; Juan Manuel Garrido, director de operacións de Enisa; Covadonga Toca, directora xeral do IGAPE; Joaquín Gómez, director do Instituto de Fomento da Rexión de Murcia, e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Na mesa redonda lembrou que a Deputación é a primeira entidade local que participa con investimento en empresas de ámbito tecnolóxico a través da contribución a Unirisco, sociedade de capital risco participada pola UDC e a USC. Ese apoio concretouse hai un ano cunha achega de 400.000 euros para que ambas universidades tomasen parte na ampliación de capital de Unirisco.
Formoso aposta por un pacto entre todas as institucións para promover a ciencia e a tecnoloxía
Compartir Este Artigo

