Ao redor de cen persoas participaron este mércores 13 de marzo no terceiro obradoiro de HumanIA da Universidade da Coruña, ciclo formativo organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC, en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC).
A experta en tecnomarketing, innovación e branding, Ruth Falquina, impartiu o taller que levou por título Intelixencia Artificial e Creatividade: como potenciar o teu talento, no que compartiu cos asistentes a súa experiencia á fronte dunha axencia especializada en creatividade aumentada, Estado Latente, da que tamén é co-fundadora.
O terceiro obradoiro de HumanIA UDC profundou nos aspectos máis relevantes da co-creación humano-máquina máquina-humano a través dunha serie de ferramentas e aplicacións que están a resultar “de utilidade e outras profesións con inquietudes creativas”, sinalou Falquina, que mostrou aos asistentes, a través do uso dos seus propios computadores na sala, as disciplinas e tecnoloxías que están dispoñibles para aplicarse ao branding e a industria das ideas a través de ferramentas como ChatGPT4 e Freepik. Este taller estivo dirixido a creadores, estrategos, artistas, publicistas, consultores, pemes e calquera profesional ou estudante con interese por desenvolverse no ámbito creativo.
A actividade práctica enmárcase no ciclo formativo HumanIA UDC: o desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia Artificial, lanzado no pasado mes de setembro, e que ten como obxectivo mostrar o impacto e potencia das tecnoloxías intelixentes nos estudos e nos postos de traballo relacionados coas Humanidades.
Ata o momento, máis de 400 asistentes participaron nos talleres de HumanIA nos que se abordaron tamén a regulación da IA e casos de uso no mercado laboral de Chat GPT e outras aplicacións.
Un centenar de persoas participaron no 3º obradoiro de HumanIA da UDC
Compartir Este Artigo

