Hai uns anos chegaron ao mercado unhas lentes de realidade aumentada que funcionaban en combinación con móbiles de alta gama, sendo o seu principal expoñente as da marca Nreal (coñecida actualmente por Xreal por un conflito de marcas), aínda que co tempo pasaron a promocionarse principalmente polas súas posibilidades para servir de pantalla virtual.
Agora, o principal competidor de Xreal, Rokid, vai renovar o seu catálogo, e para facer os novos produtos máis atractivos, tira proveito do fenómeno das Apple Vision Pro e simula as súas funcionalidades de reprodución multimedia co uso das novas Rokid AR Lite en combinación cunha Rokid Station 2, que vén a ser unha petaca que integra un procesador Qualcomm Snapdragon 6 Gen 1 con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, así como unha batería de 5.000 mAh, de xeito que non precisa dun smartphone de alta gama para tirar proveito das súas funcións de realidade aumentada e de reprodución multimedia.
Estas curiosas lentes integran pantallas micro-OLED cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, cunha velocidade de refresco de ata 120 Hz que permiten gozar de contidos audiovisuais como se tivésemos unha pantalla xigante, aínda que tamén facilitan a creación de experiencias de realidade aumentada baseadas en aplicacións para Android grazas a un sistema operativo (YodaOS Master) desenvolvido por Rokid. As lentes tamén integran altofalantes nas súas patillas e, de querer empregalas sen a Station 2, tamén poden conectarse a dispositivos que acheguen vídeo por conexións USB-C como smartphones de alta gama, dispositivos iPhone e iPad nos seus modelos con USB-C, ou incluso outros trebellos con saída HDMI (empregando un adaptador adicional).
Entre as vantaxes destas lentes fronte a outras no mercado estaría o feito de que contan con axustes para a miopía en cada ollo, podendo corrixir ata 6 dioptrías.
Aínda que esteamos ante un produto pensado principalmente para ver contidos audiovisuais de xeito persoal, o feito de que agora conte cunha interface de uso tridimensional baseada na realidade aumentada pode ser un grande incentivo para que moitos se animen a adquirir un produto deste tipo, pois o seu prezo é moi inferior ao do visor de Apple. Actualmente as Rokid AR Lite coa Station 2 ofértase a 3.740 dólares de Hong Kong (uns 442 euros) a través de Kickstarter, o que está moi lonxe dos 3.499 dólares dos que parten as Vision Pro.
Adicionalmente Rokid tamén está a ofrecer unha revisión das súas anteriores lentes a un prezo promocional, de xeito que quedarían nuns 331 euros, o que pode animar a algúns a introducirse neste tipo de produtos, aínda que os envíos non se realizarán ata o mes de setembro.
Vídeo promocional das Rokid AR Lite

