En 2019 Google fíxose co fabricante Fitbit para progresar no ámbito dos wearables, mantendo esta marca presente no mercado coas súas pulseiras de actividade, os seus reloxos e incluso as súas básculas, vendendo parte destes dispositivos a través da tenda de dispositivos de Google, á que nos EE.UU. se vén de incorporar o Fitbit Ace LTE (tamén dispoñible a través da tenda de Fitbit en Amazon.com).
Falamos dun reloxo conectado orientado para os cativos de a partir de 7 anos, que integra funcións de seguimento de actividade e de ludificación do exercicio, que grazas á conectividade móbil tamén serve para chamadas, mensaxería e compartir a localización cos proxenitores.
Cómpre advertir que este tipo de dispositivos non permiten que descoñecidos poidan contactar cos cativos, senón que o reloxo só recibirá comunicacións dos contactos engadidos polos seus proxenitores, que tamén poden controlar fixar momentos nos que o reloxo elimine as posibles distraccións (como durante os horarios de clase). Tamén están a preparar unha función moi interesante, que permitiría empregar o reloxo a xeito de moedeiro electrónico, o que pode resultar de grande utilidade en situacións de emerxencia.
O reloxo é resistente á auga ata 50 metros de profundidade, a súa pantalla ten protección Corning Gorilla Class 3 e a súa batería ten unha autonomía de máis de 16 horas, polo que sería dabondo para unha xornada completa.
O produto chegará ao mercado estadounidense o 5 de xuño a un prezo de 229,95 dólares, sendo preciso contratar tamén un plan de datos que terá un custo de 9,99 dólares/mes ou 119,99 dólares/ano (aínda que de lanzamento o primeiro ano de servizo quedaría en 59,98 dólares).
Polo momento non hai data para o lanzamento deste produto en España, aínda que non sorprendería que se fixese da man dalgún operador de telecomunicacións ao estar asociado a un plan de datos móbiles.
Vídeo de presentación do Fitbit Ace LTE

