Turismo de Galicia fixo un novo balance da actividade xerada pola nova campaña do Bono Turístico autonómico, concibido no contexto da pandemia para dinamizar o consumo turístico e inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego. Segundo fixo saber o Goberno galego, as descargas dos máis de 16.000 Bonos Turísticos esgotáronse na xornada deste 16 de xullo, menos de quince días despois de que se abrise o prazo para que os galegos comezasen a facerse con el.
A Xunta engadiu que “o interese do Bono Turístico da Xunta xa se deixou notar desde os primeiros días, cun centenar de bonos turísticos emitidos por minuto nas primeiras horas e cun balance de preto da metade dos bonos descargados o primeiro día”.
Son bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o solicitaron (os particulares abonarán, polo tanto, 90€ para contar cun bono por valor de 150€).
Nesta edición, como novidade, cada usuario podía descargar ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300€ para gozar dunha estadía en outono nalgún dos establecementos que se adhiran. Os beneficiarios poderán empregar os seus bonos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024, ambos incluídos.
O prazo para que as empresas se adhiran continúa aberto ata o vindeiro 2 de decembro.
A día de hoxe xa forman parte da campaña deste ano máis de 350, entre establecementos de aloxamento e axencias. As empresas interesadas en sumarse poderán facelo tamén vía web.
As descargas dos máis de 16.000 bonos turísticos autonómicos esgotáronse en menos de 15 días
Compartir Este Artigo

