Vigo converterase entre o 8 e o 10 de xullo no epicentro da innovación en tecnoloxías fotónicas coa celebración de The Pulse Hackathon. Durante 28 horas ininterrompidas, estudantes de todo o país enfrontaranse en equipos a un desafío sobre comunicacións ópticas no ámbito submarino.
Este evento nace da Cátedra Deeptech entre Monodon by Navantia e QoPhi, o laboratorio do Centro de Investigación atlanTTic da Universidade de Vigo (UVigo) dedicado á investigación e divulgación de fotónica.
Segundo lembran dende as entidades organizadoras, a fotónica é a disciplina que utiliza fotóns (luz) en lugar de electróns para transmitir información. As comunicacións fotónicas permiten enviar grandes cantidades de datos a maior velocidade con mínima interferencia e de forma máis cibersegura. “O seu estudo e desenvolvemento será clave para o sector das telecomunicacións e o desenvolvemento dos compoñentes electrónicos do futuro”, engade o centro atlanTTic da UVigo.
A participación está deseñada para alumnos de últimos cursos de grao, mestrado ou doutorado que conten con sólidos coñecementos técnicos na materia. O hackathon contará cunha selección exclusiva de entre 6 e 8 equipos, compostos por 4 o 5 persoas cada un, garantindo unha contorna de traballo colaborativa e de alto nivel.
Ademais da experiencia de traballar con mentores líderes no sector e enfrontarse a tecnoloxías de última xeración, o equipo que logre a solución máis eficiente e creativa recibirá un premio de 500 euros por persoa.
A maiores, outorgaranse outros premios para destacar as contribucións excepcionais dos participantes.
As inscricións no evento cómpre formalizalas na web do PULSE Hackathon.
Vigo converterase en xullo en capital das tecnoloxías fotónicas co evento The Pulse Hackathon
Compartir Este Artigo

