A Concellaría de Innovación de Carballo desenvolverá este verán unha ampla programación de campamentos tecnolóxicos na Aula CeMIT local, unha iniciativa enmarcada nos obxectivos do proxecto Talento km 0 (TALK0) e deseñada para que a rapazada de entre 7 e 14 anos desenvolva as súas competencias dixitais “dun xeito lúdico e práctico”, informou o Concello.
O obxectivo da proposta é “fomentar o pensamento lóxico, a creatividade e o uso consciente da tecnoloxía mediante o xogo e a experimentación”.
O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, destacou a importancia desta oferta formativa: “O noso obxectivo é que a mocidade de Carballo non sexa só consumidora de tecnoloxía, senón que aprenda a ser creadora, proporcionándolles ferramentas que lles dean autonomía e seguridade no mundo dixital actual”.
A oferta divídese en catro campamentos independentes de 10 días de duración cada un, con grupos reducidos dun máximo de 14 alumnos/as para garantir unha atención personalizada:
-Pequenos exploradores (7-8 anos): un primeiro contacto coa tecnoloxía a través de historias dixitais, debuxo, animación e robótica básica.
-Futuros exploradores (9-10 anos): centrado na programación visual con Scratch e o deseño de videoxogos sinxelos.
-Futuros makers (11-12 anos): introduciranse conceptos máis avanzados como o deseño 3D e a intelixencia artificial para nenos/as.
–Makers avanzados (13-14 anos): orientado a adolescentes, con contidos sobre edición de vídeo, creación de páxinas web e ciberseguridade.
Os campamentos desenvolveranse de 10:00 a 13:00 horas, de luns a venres, nas seguintes datas: Pequenos exploradores: do 6 ao 17 de xullo; Futuros exploradores: do 20 ao 31 de xullo; Futuros makers: do 3 ao 14 de agosto; e Makers avanzados: do 17 ao 28 de agosto.
Cada participante poderá inscribirse nun único campamento, e terán prioridade aquelas persoas que non asistiran en edicións anteriores. O prazo estará aberto a partir do luns 18 de maio ata esgotar prazas. As familias interesadas poden anotarse a través da páxina web da Aula CeMIT ou nas oficinas municipais do segundo andar do Fórum Carballo.
Carballo aposta pola creatividade cunha nova edición de campamentos tecnolóxicos de verán
Compartir Este Artigo

