Máis de 200 persoas acudiron o pasado venres 10 de xullo ao II Foro de Innovación e Emprendemento de APD, que se celebrou en Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia baixo o programa de Capacita Directivos. O encontro reuniu a directivos, representantes de empresas e profesionais no Lux Events Center da capital galega, para abordar os principais retos e oportunidades ao redor da innovación e a creación de valor empresarial.
A directora da zona noroeste de APD, Ana Sánchez, foi a encargada de dar a benvida ao máis do centenar de asistentes, remarcando que este foro parte da idea de que innovación e emprendemento actúan “como motores complementarios do desenvolvemento empresarial: a primeira impulsa a reinvención de organizacións e procesos, mentres que o segundo achega a capacidade de crear novos proxectos e abrir camiños de crecemento”.
Tamén fixo fincapé no 70 aniversario da asociación, remarcando os seus proxectos actuais como o barómetro de competitividade que están a levar a cabo en territorios de toda España e cuxos resultados verán a luz no 8º Congreso Nacional de Directivos, que terá lugar os días 27 e 28 de outubro en Madrid.
O primeiro bloque de intervencións iniciouse co relatorio inaugural de Guido Stein, filósofo, escritor e profesor da IESE Business School; que compartiu con todos os asistentes a súa particular visión e reflexión ao redor de innovar no contexto actual. Sinalou que “nos atopamos nun momento onde non existe o necesario silencio, onde os emprendedores poidan innovar; e chamou á necesidade de ver as cousas desde diferentes ángulos e perspectivas, tendo en conta que a contorna dixital xa é unha segunda pel”. Co seu inspirador discurso, o experto abriu o camiño das seguintes intervencións, como a conversa entre Javier Sesma, conselleiro de APD e Pablo Carretero, responsable territorial de vendas de IBM, que reflexionaron conxuntamente sobre as pancas e os retos da innovación aberta. Ambos coincidiron en sinalar que compartir coñecemento “non supón perder competitividade”, e que ese cambio de mentalidade resulta crucial para que os equipos “constrúan valor dentro das propias organizacións”. En definitiva, sinalaron que a clave é que a innovación debe acontecer arredor da tecnoloxía xa implantada na empresa, pero sempre involucrando “ás persoas, a actitude e a cultura”.
O primeiro bloque da mañá finalizou cunha mesa redonda sobre as experiencias sobre innovación desde empresas consolidadas, na que participaron Álvaro Platero, vicepresidente de Estaleiros Gondán; Sebastián Pantoja, director xeral de Carelife Solutions (Televés Corporación) e Eva Pérez, responsable de política pública de Amazon, baixo a moderación de Rosa Méndez, directora da área de Innovación e Emprendemento de IGAPE.
Por parte de Amazon, Eva Pérez sinalou que desde a multinacional americana ven o fracaso e a innovación como “dúas caras da mesma moeda”; e que desta forma a mirada innovadora debe residir na propia cultura da empresa. No caso de Estaleiros Gondán, o seu vicepresidente indicou que a inercia dunha empresa consolidada pode ser moi positiva para axudar ao carácter innovador, cunha carteira de clientes establecida ou un coñecemento avanzado do sector; pero que tamén pode resultar un obstáculo a superar de face a dar luz novas ideas. Unha reflexión que tamén compartía Sebastián Pantoja, engadindo que se debe innovar atendendo ao impacto, á capacidade de medir o éxito e ao talento dos equipos?”.
O segundo bloque da xornada, dedicado a novas firmas innovadoras (startups) e empresas emprendoras, comezou coa presentación de diferentes proxectos emprendedores de man da moderación de Hugo Criado, CEO de Medrar. Desta forma, os asistentes coñecendo a historia e experiencia de Wilson Gomes, CEO de Celtarys; Jorge Parada, CTO de Cargoffer; Elena Fontán, directora xeral de Orixe Salgada; Fernando Gago, CEO de Sense Aeronautics e Francisco Pérez, CTO e socio fundador de Loutkar Robotics.
Os cinco relatores compartiron as súas historias de orixe, desde empresas consolidadas ata inicios fóra do exercicio empresarial; onde sinalaron “a vertixe” como parte do seu día a día, “facendo malabares entre ver onde estamos e onde queremos estar”. Nas súas intervencións tamén sinalaron ao ecosistema galego investidor como un exemplo de profesionalización e crecemento.
O bloque finalizou cunha perspectiva diversa: a do emprendemento sénior, profesionais con dilatadas carreiras que deciden emprender co coñecemento de toda unha vida profesional detrás. Moderados por María Loureiro, directora científica de ECOBAS, na mesa participaron Eduardo Ferrer, CEO e co-fundador de Slimop Space; Mamen Diego, fundadora de Objet Particulier; Maite Prida, fundadora de Lon & Boc; Jaime Feced, CEO de Plantbased Biotech e Javier Álvarez, fundador de Aquiax.
A mesa redonda versou sobre as experiencias de cada un dos profesionais, especialmente centradas en como “emprender na segunda carreira directiva”, onde foron destacadas as vantaxes (sobre o coñecemento adquirido ou os contactos establecidos) e as dificultades de levar a cabo un novo proxecto (como pasar de ter todos os recursos a ter que buscalos).
A clausura institucional foi realizada pola conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia; María Jesús Lorenzana; que destacou que “o verdadeiro valor da innovación non está soamente en xerar novas ideas, senón en converter esas ideas en empresas máis competitivas, nunha economía máis forte”; sinalando ás empresas participantes como exemplo dese “maior potencial de crecemento e marxe de adaptación”.
A conselleira engadiu que “o éxito dun ecosistema innovador non se mide, evidentemente, só polo número de startups que se crea, senón que se mide na súa capacidade para transformar o conxunto da sociedade e o conxunto da economía”.
Así mesmo, avanzou a posta en marcha da primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, dotada con máis de 400 millóns de euros, co obxectivo de facilitar a transferencia de coñecemento ás pemes, favorecer a incorporación de intelixencia artificial e tecnoloxías avanzadas e axudar a que as novas firmas innovadoras se consoliden, medren e atraian investimento.
Máis de 200 profesionais xuntáronse en Santiago no II Foro de Innovación e Emprendemento
Compartir Este Artigo

