O grupo de investigación NEUROcom (Neurociencia e Control Motor) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña organiza a primeira edición de WeFun Camp – Marea de Aventuras, un campamento de verán que combina rehabilitación intensiva, investigación científica e actividades inclusivas para nenos e nenas con parálise cerebral unilateral, máis coñecido como hemiparesia, e as súas familias.
A iniciativa desenvolverase durante dez días consecutivos, no marco da fase final do proxecto de investigación WeFun, liderado pola investigadora Verónica Robles García e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Axencia Estatal de Investigación e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Segundo explica a UDC, o campamento constitúe un estudo piloto diseñado para avaliar os efectos do programa WeFun – apps, combinado con práctica bimanual intensiva, para mellorar a funcionalidade do brazo máis afectado en nenos e nenas de entre 4 e 8 anos con parálise cerebral unilateral, que se constitúe como un dos subtipos máis frecuente a nivel mundial.
A proposta integra tecnoloxía portátil, aprendizaxe motora e actividades adaptadas, co obxectivo de favorecer melloras funcionais, a participación social e cambios sostibles na vida diaria dos menores.
No campamento WeFun Camp utilízase principalmente tecnoloxía para carrexar (wearables) integrada cunha plataforma dixital de desenvolvemento propio. O obxectivo destas ferramentas é medir e motivar o uso espontáneo do brazo afectado en nenos con parálise cerebral unilateral (hemiparesia).
Empréganse reloxos intelixentes (smartwatches) grazas á colaboración con Samsung Electronics Iberia destinados a rexistrar o movemento real e a actividade bimanual dos menores durante o campamento. Tamén as aplicacións de WeFun – apps, o ecosistema de aplicacións informáticas e software deseñado especificamente polos investigadores do proxecto. Esta plataforma serve para cuantificar as doses de exercicio, pautar rutinas en contornas naturais e facer un seguimento clínico adaptado ao xogo.
Ademais do seu compoñente investigador, WeFun Camp aposta por un modelo de intervención centrado na nenez e nas familias, incorporando obradoiros formativos e espazos de acompañamento. O programa promove tamén a convivencia con irmáns e outros menores sen patoloxía, favorecendo un contexto natural de inclusión a través do xogo, o deporte e as actividades de lecer.
O proxecto WeFUN atópase dentro da liña de investigación sobre control motor na infancia do grupo NEUROcom, integrado no CICA e no INIBIC. O grupo desenvolve investigación de referencia en estimulación cerebral, neurorehabilitación, neuromodulación e estudos da base neurofisiolóxica da fatiga, participando en redes internacionais e proxectos de alto impacto científico.
No caso de WeFUN, os resultados preliminares xa evidencian melloras clinicamente significativas na funcionalidade dos participantes, ao tempo que o proxecto contribúe á xeración de coñecemento científico e á transferencia de tecnoloxía cara á práctica clínica.
A celebración de WeFun Camp é posible grazas á implicación dun amplo tecido de institucións, fundacións, empresas e entidades colaboradoras que contribúen ao desenvolvemento dun campamento innovador e inclusivo. Entre elas destacan a Fundación ADCAI e Latchmill, que financian bolsas de aloxamento e manutención para as familias participantes; Samsung Electronics Iberia, que cede reloxos intelixentes para o desenvolvemento da investigación; entidades que ofrecen actividades adaptadas ás necesidades como a Fundación María José Jove asi como ALE-HOP, DiDixital Impresores, Gráficas Mera, Marina Coruña, Residencia Rialta, Parafarmacia Castro OF Experiences, a Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC, a Facultade de Fisioterapia, o INIBIC e o Concello da Coruña, entre outras entidades colaboradoras.
O proxecto conta tamén coa participación desinteresada de profesionais da pediatría, persoal investigador e estudantes, que contribúen de forma voluntaria ao éxito desta primeira edición.
No marco do desenvolvemento do campamento, o vindeiro 17 de xullo celebrarase unha visita institucional na que participarán representantes da Fundación ADCAI e do Concello da Coruña, que poderán coñecer de primeira man o traballo realizado polo equipo investigador de NEUROcom, o desenvolvemento das actividades e o impacto social e científico desta iniciativa nas familias participantes.
O grupo NEUROcom do CICA inicia un campamento tecnolóxico para menores con parálise cerebral unilateral
Compartir Este Artigo

