O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, agradeceu o apoio do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, durante o proceso de elaboración da proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Fíxoo na entrega do documento ao máximo responsable da institución, un día despois da súa presentación pública na Cidade da Cultura.
Monteagudo trasladoulle ao conselleiro o seu agradecemento e felicitouno pola iniciativa do Pacto pola Lingua e polo traballo desenvolvido para renovar este documento. Pola súa banda, López Campos salientou que, tras o encontro celebrado o día anterior, «o primeiro acto de presentación tiña que ser coa Real Academia, porque é a entidade que nos ten que guiar e que nos leva aconsellando neste novo escenario dunha sociedade tan cambiante».
Ambos coincidiron na necesidade de abrir novos escenarios para a lingua galega tendo en conta as transformacións experimentadas por Galicia nos últimos vinte anos en distintos ámbitos. Neste sentido, o conselleiro asegurou que «agora iniciamos un novo camiño no que agardamos que se reflicta o pacto social e poidamos avanzar xuntos, porque a lingua é unha responsabilidade de todos».
López Campos entrega á RAG a proposta do novo Plan de Normalización
Compartir Este Artigo
