Digi Spain Telecom comezou a cotizar nas bolsas de Barcelona, Bilbao, Madrid e Valencia, abrindo unha nova etapa para a filial española do Grupo Digi, encabezado por Digi Communications N.V. As accións négocianse baixo o símbolo DIGIS cun prezo de saída de 5,60 euros, o que sitúa a capitalización bolsista inicial da compañía nuns 1.662 millóns de euros.
A estrea marca un novo fito para un proxecto iniciado en España en 2008, que permitiu á operadora converterse na que máis medra no mercado español.
A oferta pública, dirixida a investidores cualificados, combinou unha ampliación de capital de arredor de 150 millóns de euros mediante a emisión de novas accións e unha venda de títulos existentes de Digi Romania por uns 137 millóns de euros.
Os fondos netos obtidos coa ampliación (preto de 134 millóns de euros) destinaranse a acelerar a despregadura da súa rede propia de fibra óptica e telefonía móbil. Tras a operación, o Grupo Digi conserva aproximadamente o 80 % do capital e mantén o control da sociedade. A operación podería alcanzar un volume máximo de 330 millóns de euros se se exerce a opción de sobreasignación concedida por Digi Romania.
A colocación contou co respaldo de Global Portfolio Investments, sociedade de investimento da familia Domínguez de la Maza (Grupo Mayoral), que participou como principal investidor institucional cun investimento de 100 millóns de euros.
O tradicional toque de campá no Palacio da Bolsa de Madrid contou coa participación do conselleiro delegado de Digi Spain, Marius Varzaru, e do conselleiro delegado do Grupo DIGI Communications, Serghei Bulgac, ademais de membros do consello de administración, autoridades e representantes do ámbito económico e social.
A compañía chega ao mercado nun momento de forte expansión. Encadea 17 trimestres liderando as altas netas en fibra e móbil e xa supera os 1.000 millóns de euros de ingresos en taxa anualizada, despois de pechar 2025 con 929 millóns de euros. No primeiro trimestre de 2026 incrementou a súa facturación un 16,4 %, ata os 252,2 millóns de euros, cun EBITDA axustado de 50,6 millóns de euros.
A rede propia de fibra alcanza actualmente 14,2 millóns de fogares, cun obxectivo a medio prazo de chegar a arredor de 21 millóns. Ademais, a operadora emprega de maneira directa a 11.721 persoas.
Digi debuta nas bolsas españolas
Compartir Este Artigo
