O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o pasado venres, no Parque Tecnolóxico de Porto do Molle, as instalacións de UARX Space. Fíxoo coincidindo coa inminente viaxe cara a California e posterior lanzamento do seu vehículo de transferencia orbital, OSSIE, deseñado e fabricado integramente nesta empresa de Nigrán.
Un fito que cualificou como “un orgullo” e que levará a marca Galicia Calidade ao espazo, ao tempo que sitúa a España por primeira vez no selecto grupo de cinco países con capacidade para manobrar fóra da atmosfera.
“Antes parecía que había que irse a países moi afastados para facer as cousas difíciles, cousas que parecían ciencia ficción hai uns anos, e agora resulta que as facemos aquí e as mandamos a todo o mundo e mesmo ao espazo”, salientou.
O presidente, que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, felicitou á compañía por converter o talento galego nun referente global que xa conta co recoñecemento de axencias de prestixio mundial como a NASA.
Rueda lembrou que a Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespacio (IESDA) destinará 183 millóns de euros en cinco anos co obxectivo de mobilizar máis de 900 millóns de capital público-privado, priorizando sempre que o desenvolvemento e a fabricación destas solucións queden no territorio. O presidente autonómico subliñou que días antes da visita a UARX o Consello da Xunta autorizou 40 millóns para atraer grandes proxectos industriais de seguridade, defensa e aeroespazo a Galicia a través da Compra Pública Precomercial, unha medida pioneira en todo o país.
“O que pretendemos son dous obxectivos: que falemos de produtos que o mercado vai necesitar pero que aínda non ten e polo tanto hai que fabricalos, e que se fabriquen en Galicia”, explicou Rueda. Así, este programa impulsará de xeito directo proxectos de tecnoloxías duais —con aplicacións civís e de defensa— e un dos criterios relevantes á hora de seleccionalos é que aposten por fabricar os produtos na comunidade, favorecendo que o motor galego da innovación siga en marcha e atraendo novas oportunidades.
Galicia Calidade
A marca Galicia Calidade viaxará ao espazo no primeiro vehículo de transferencia orbital deseñado en España pola empresa galega UARX Space, e que se lanzará nos vindeiros meses desde a base aérea de Vandenberg, en California.
OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration) nas súas siglas en inglés, é un vehículo de transferencia orbital deseñado para transportar satélites pequenos e medianos a diferentes órbitas e facilitar, así, que cheguen ao seu destino final. Permitirá a inxección de satélites en órbitas terrestres non tradicionais, ao redor da lúa e en traxectorias ao espazo profundo.
A empresa UARX Space é un referente galego e internacional en solucións de loxística de transporte en órbita, misións compartidas e lanzamentos dedicados para pequenos satélites.
Rueda visitou as instalacións de UARX Space coincidindo co inminente lanzamento de OSSIE
Compartir Este Artigo
