
O 25 de xullo de 2001 botou a andar á páxina web codigocero.com como un espazo en liña para achegar información tecnolóxica en galego, divulgando na nosa lingua o que estaba a acontecer no sector TIC galego e internacional. Este espazo pretendía facilitar o traballo do programa Código da Radio Galega, e do mesmo xurdiron un boletín diario por correo electrónico que actualmente segue en funcionamento, e un boletín semanal en formato PDF que medio ano despois deu pé a esta revista en papel.

Foi precisamente este traballo inicial o que levou a que o 9 de novembro de 2001 na Noite Galega das Telecomunicacións, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia tivese a vén recoñecer o labor realizado cun dos seus premios, o que propiciou que poucas semanas despois tivésemos a iniciativa de trasladar esta iniciativa ao papel, inicialmente con carácter bimestral, e finalmente cunha periodicidade mensual, atendendo así ao volume de información que xeraba a nosa comunidade.

En todo este tempo a publicación dixital consolidouse como referente informativo do sector en Galicia, e tamén como iniciativa dixital na nosa lingua, contribuíndo así á normalización do galego no ámbito tecnolóxico.

Aínda que inicialmente Codigocero.com era un espazo con contidos moi breves e imaxes minúsculas (dadas as limitacións técnicas da época) subministradas vía web empregando un xestor de contidos moi popular no momento (PHP-Nuke), a creación dunha edición impresa do proxecto levou a mudar a súa imaxe en pouco tempo, para ter unha maior consonancia co papel. Máis adiante houbo que reformar a web para poder tirar proveito da mellora de resolución dos monitores dos ordenadores persoais (aínda moi lonxe do Full HD), e finalmente tivemos unha longa etapa con redeseños principalmente estéticos nos que a nosa páxina web funcionaba co xestor de contidos de código aberto SPIP.

Agora chegou o momento de celebrar o 25º aniversario, o que supón unha oportunidade para acometer unha renovación máis profunda, adaptando a web ás novas tendencias e dispositivos, conseguindo unha mellor experiencia de uso en dispositivos móbil, facilitando a lectura en modo escuro, optimizando a relación cos motores de busca, permitindo unha mellor incrustación de contidos de redes sociais e plataformas de vídeo, conformando un espazo de traballo máis áxil para o equipo de redacción.

Estreamos así unha nova páxina web que confiamos que poida servir para continuar ao pé do canón durante moitos anos máis, grazas ao apoio de asociacións, empresas, administracións públicas e lectores, sempre receptivos á divulgación na nosa fala, demostrando entre todos que vivir en galego é posible, e que tanto podemos empregar esta canle para saber da tecnoloxía que está a revolucionar o mundo como para proxectar a nosa industria e cultura ao mundo.

