
Nos últimos anos Microsoft destacou no sector das consolas de videoxogos pola súa aposta pola preservación dos títulos ao ofrecer opcións de retrocompatibilidade e de xogo na nube de títulos adquiridos anteriormente, aínda que os programas que despregan esas funcións avanzan paseniño, pois precisan de adaptacións técnicos e a aprobación por parte dos editores dos xogos, de aí que estea a sorprender moi agradablemente a iniciativa que converte os discos en licenzas dixitais.
Os usuarios inscritos no programa Insiders de Xbox están a recibir estes días a nova funcionalidade, que permite reclamar unha licenza dixital dos xogos de Xbox One e Xbox Series X introducidos na consola, de xeito que os títulos quedan asociados ás contas de usuario para non ser preciso volver a empregar o disco físico para gozar dos mesmos na consola ou incluso na nube (no caso de títulos compatibles con tal servizo). Deste xeito os usuarios poden conservar a longo prazo os xogos que adquirisen en disco aínda que no futuro teñan unha consola sen lector de discos.

Pero o lanzamento desta nova prestación está a sorprender principalmente por dous factores: as consolas dende as que pode realizarse e o volume de títulos compatibles.
Foi unha sorpresa para moitos comprobar que nunha Xbox One S é posible introducir un xogo de Xbox Series X (que loxicamente non pode reproducirse) e reclamar a súa licenza para convertelo nunha licenza dixital, o que pode servir, por exemplo, para poder xogalo nunha Xbox Series S (que carece de lector de discos). Deste xeito, as vellas Xbox One con lector de discos Blu-ray están a recuperar valor.

Sobre o volume de xogos, está a realizarse unha especie de censo de xogos compatibles coa función de Disco a Dixital, e no momento de escribir estas liñas, de 1.423 xogos comprobados serían compatibles 1.110 (un 78 %). Queda por ver se os editores que actualmente non permiten a transformación dun disco nunha licenza dixital mudan de parecer e aceptan entrar neste atractivo programa que está a alongar a vida dos soportes físicos, ao facilitar que poidan xogarse cando os discos xa non estean dispoñibles.
A nova funcionalidade tamén está a provocar que se dispare a popularidade de vellos xogos como o de Deadpool para Xbox One, xa que o título desapareceu das tendas dixitais en 2017, e agora, facéndose cunha copia física, é posible incorporalo á colección persoal para poder xogalo nunha consola moderna (algo que non pode facerse en PS5). Pero cómpre salientar que, incluso ante xogos que están dispoñibles en dixital, o feito de que unha copia en disco poida converterse nunha copia dixital está a engadir valor aos soportes físicos, algo que resulta moi de agradecer nun momento no que semella que o físico está destinado a desaparecer.

