
Build a Rocket Boy (BARB), o estudio responsable de MindsEye, estaría a pechar definitivamente despois de varias vagas de despedimentos e tras o fracaso comercial e crítico do seu principal proxecto.
Varios empregados comunicaron nas últimas horas a través de LinkedIn que a súa etapa no estudio «está chegando ao seu fin». Entre eles figuran persoal de deseño de niveis, control de calidade, xestión de lanzamentos e produción. Cameron Deaves, analista sénior de control de calidade, sinalou que está a buscar novas oportunidades laborais en Edimburgo.

A mensaxe publicada por Dan Hawkins, responsable principal de captación de talento de BARB, apunta máis claramente ao peche da estrutura. «Estarei con BARB ata o final, axudando a pechar todo aquí no departamento de recursos humanos», escribiu, despois de anunciar que está buscando un novo emprego.
Fontes próximas á situación confirmaron a Kotaku que o estudio está a pechar definitivamente. Build a Rocket Boy, fundado por Leslie Benzies e Mark Gerhard, xa atravesara varias roldas de despedimentos desde o lanzamento de MindsEye en xuño de 2025.

O videoxogo, presentado como unha ambiciosa alternativa de acción e mundo aberto próxima á fórmula de Grand Theft Auto, chegou ao mercado cunha importante cantidade de problemas técnicos e recibiu críticas moi negativas. Tras o lanzamento producíronse os primeiros despedimentos, mentres que Benzies chegou a atribuír parte dos problemas a supostos sabotadores dentro e fóra do estudio.
Os intentos posteriores por recuperar MindsEye tampouco conseguiron reverter a situación. O estudio publicou unha expansión esta primavera e incorporou posteriormente funcións multixogador e un modo de fútbol inspirado en Rocket League. En marzo, BARB tamén pasou a encargarse directamente da publicación do xogo tras romper a súa relación con IOI Partners, a división de publicación de IO Interactive.
As dificultades laborais engadíronse á crise do proxecto. Traballadores denunciaron o uso de software de vixilancia Teramind nos seus equipos e o sindicato IWGB Games Workers Union acusou a dirección de realizar un seguimento invasivo da actividade dos empregados, incluídas gravacións realizadas nos seus fogares sen o seu consentimento.
O vicepresidente do sindicato, Ben Newbon, expresou a Rock Paper Shotgun a súa «solidariedade e apoio a todas as persoas afectadas» polos despedimentos e asegurou que a organización continuará traballando para reclamar responsabilidades pola xestión das relacións laborais en BARB.
Build a Rocket Boy aínda non realizou publicamente un anuncio oficial sobre o peche.
