
A Coruña participará o vindeiro 25 de setembro na sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), unha iniciativa europea de divulgación científica que transformará diferentes espazos da cidade en lugares de encontro entre a investigación e a sociedade. A Universidade da Coruña (UDC) liderará unha programación con máis de corenta actividades gratuítas dirixidas a todos os públicos, que se desenvolverán en museos, centros culturais, instalacións universitarias e espazos ao aire libre.
Nas sete grandes cidades
A G-Night celebrarase simultaneamente nas sete principais cidades galegas (A Coruña, Vigo, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol) e en centos de localidades europeas, co obxectivo de “achegar a ciencia á cidadanía e visibilizar o labor das persoas investigadoras”. A edición de 2026 contará en Galicia con máis de 150 actividades e a participación de máis de 500 investigadoras e investigadores, que compartirán o seu traballo coa sociedade a través de obradoiros, demostracións, experimentos, exposicións, roteiros e encontros divulgativos.
Ampla programación na Coruña
Nesta edición, a Universidade da Coruña desenvolverá unha ampla programación nos campus da Coruña e de Ferrol e en diferentes espazos das dúas cidades. Serán máis de corenta actividades gratuítas, en horario de mañá e de tarde, dirixidas a escolares, familias, persoas adultas e público xeral.
Na Coruña, a programación distribuirase en seis localizacións: a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o Campus de Elviña, a Domus, o MUNCYT, o Museo de Belas Artes da Coruña e a Dársena da Mariña. En Ferrol, desenvolveranse dez obradoiros e actividades vinculados principalmente ao CITENI e ao Campus Industrial.
A través desta programación, a Universidade da Coruña pretende “facer visible o impacto da investigación na vida cotiá e favorecer o contacto directo entre a cidadanía e as persoas que desenvolven a súa actividade científica”. O público, engade a UDC, “poderá deste xeito coñecer de primeira man proxectos relacionados coa saúde, a intelixencia artificial, a sustentabilidade, a biodiversidade, as matemáticas, a economía, as tecnoloxías navais, a enxeñaría ou a cultura visual, entre outros ámbitos”.
A vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya, destacou que a G-Night “é unha das grandes citas anuais da divulgación científica en Galicia e unha magnífica oportunidade para achegar a investigación á cidadanía dun xeito próximo, participativo e sen barreiras”.
A proposta da UDC contará coa implicación dos seus principais centros de investigación, entre eles o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). Ademais, nesta edición colaborarán tamén o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).
A programación abrangue unha ampla variedade de temáticas que reflicten o carácter multidisciplinar da investigación desenvolvida na Universidade e nas entidades participantes.
Baixo o lema Conciencias Creativas, a edición deste ano quere destacar a creatividade como un elemento esencial do proceso científico, capaz de impulsar novas preguntas, solucións innovadoras e respostas aos grandes desafíos da sociedade. A iniciativa busca así fomentar a curiosidade, o pensamento crítico e as vocacións científicas entre persoas de todas as idades.
A celebración da G-Night na Coruña será posible grazas á colaboración da Autoridade Portuaria da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses, o MUNCYT, o Museo de Belas Artes da Coruña, a Deputación da Coruña, o Centro Oceanográfico da Coruña e a Asociación Española Contra o Cancro, entidades que contribúen a ampliar o alcance da programación e a levar a ciencia máis alá dos campus universitarios.
