
A sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) volve no serán do vindeiro 25 de setembro cun programa de máis de 150 actividades gratuítas de divulgación científica nas sete principais cidades de Galicia.
- Milleiros de participantes
- 460 cidades de xeito simultáneo
- Carmen Cotelo (GAIN) enxalza o labor da comunidade científica galega
- Portas abertas no CESGA
- Na USC: en Santiago e en Lugo
- Vigo: tres actividades para todos os públicos
- Ourense e Pontevedra: roteiros científicos e Ciencia no Bar
- Ampla programación na Coruña
Santiago, Lugo, Vigo, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Ferrol serán os escenarios de decenas de actividades que teñen o obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Tal e como destacou a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana, “a G-Night é unha oportunidade para sacar a investigación dos laboratorios, dos centros de investigación, dos arquivos, dos gabinetes, despachos e aulas para levala ao encontro da sociedade, de toda a sociedade”.
A profesora Cabana co-presentou este venres 18 en rolda de prensa a programación desta iniciativa coa que se pretende “facer que a ciencia sexa visible e próxima para o conxunto da sociedade”.
Xunto á vicerreitora da USC, interviñeron tamén a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya; o vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social da UVigo, Rafael Comesaña; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC, Patricia Quintas, e o vogal da xunta directiva da sección territorial galega da Real Sociedad Española de Química, Eugenio Vázquez. O encontro cos medios de comunicación desenvolveuse no Museo de Historia Natural da USC.
Milleiros de participantes

As e os participantes na rolda de prensa explicaron que “miles de persoas, como as máis de 10.000 que se deron cita na pasada edición, poderán achegarse de xeito lúdico ao mundo da investigación a través de experimentos e demostracións que transformarán as rúas en laboratorios ao aire libre, dos que formarán parte máis de 500 investigadoras e investigadores de toda a comunidade autónoma”.
O mapa da G-Night estará composto de espazos como o claustro do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela; a dársena da Mariña, na Coruña; o Mercado Municipal e a Praza de Abastos de Lugo ou o Edificio Redeiras en Vigo, ademais de bares, prazas, parques, museos, centros de investigación e outros espazos públicos das cidades galegas.
“A diversidade de escenarios permitirá achegar a ciencia a públicos moi diferentes e converter distintos recunchos das cidades en lugares de encontro coa investigación”, engadiron.
Expo-feiras científicas, roteiros, obradoiros, paseos en barco, xornadas de portas abertas ou actividades en centros escolares son algunhas das propostas desta sexta edición da G-Night para achegarse á investigación e á ciencia en primeira persoa.
460 cidades de xeito simultáneo
A G-Night é unha iniciativa galega orientada a achegar a ciencia á sociedade que naceu ao abeiro da European Researchers’ Night, un evento da Unión Europea que se celebra en máis de 460 cidades de xeito simultáneo o último venres de setembro.
A UVigo coordina a G-Night 2026, na que participan, ademais das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, os institutos do CSIC —IEGPS, IEO, IIM, Incipit e MBG—, os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía, así como outros centros e organismos de investigación galegos, entre eles o CESGA, CITMAga, ECOBAS, FCEER, IDIS, IISGS e INIBIC.
A G-Night celébrase grazas ao compromiso das entidades organizadoras e finánciase cos recursos propios dos preto de 20 organismos que forman o consorcio. Ademais, o evento conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da GAIN (Axencia Galega de Innovación), dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e coa colaboración da Real Sociedad Española de Química, ademais doutras achegas a nivel local.
Carmen Cotelo (GAIN) enxalza o labor da comunidade científica galega
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, lembrou que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP apoia un ano máis a G-Night, que “acollerá máis de 150 actividades de divulgación científica nas sete cidades galegas o vindeiro venres 25 de setembro”.
Cotelo resaltou a importancia desta iniciativa no ámbito da divulgación que organizan desde hai seis anos as tres universidades públicas galegas, os centros do CSIC en Galicia e outros centros de investigación da Comunidade. Destacou, ademais, que os obxectivos da Noite Europea das Persoas Investigadoras, que son achegar a ciencia á sociedade e poñerlle rostro ás persoas que están detrás dos avances científicos, conflúen cos obxectivos da política de I+D+i da Xunta de Galicia.
Apuntou que “o persoal investigador é o principal activo do ecosistema galego de I+G+i e, por iso, unha das grandes prioridades da Xunta é atraer, reter e consolidar talento científico en Galicia”. Puxo de exemplo o programa Oportunius que leva apoiado 47 investigadores/as excelentes beneficiarias/os dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC), que están a desenvolver 59 proxectos en institucións galegas e dos cales 28 están contratados como persoal investigador distinguido pola Xunta.
Portas abertas no CESGA
O Centro de Supercomputación de Galicia, o CESGA, súmase tamén a esta cita cunha xornada de portas abertas dirixida a público xeral a partir das 16,00 horas. A actividade, titulada Viaxe ao interior dun Supercomputador. Descobre o FinisTerrae III, inclúe unha visita de arredor de 30 minutos ás instalacións do centro onde se atopa instalado o supercomputador FinisTerrae III e unha charla sobre os usos desta tecnoloxía na produción de coñecemento para a mellora da vida das persoas. Esta actividade require reserva de praza a través da páxina web da G-Night.
Na USC: en Santiago e en Lugo
Os centros singulares de investigación da USC desenvolverán múltiples actividades no claustro do Colexio de Fonseca, mentres que no Campus de Lugo, preto dunha vintena de actividades botarán a andar grazas ao pulo do grupo de innovación docente XuvenCiencia e a asociación de investigadores/as Agromar. A iniciativa terá lugar no Mercado Municipal e na Praza de Abastos da capital lucense.
Vigo: tres actividades para todos os públicos

En Vigo, o edificio Redeiras e a praza do Berbés converteranse entre as 17.00 e as 21.00 horas en grandes espazos de experimentación científica. O programa permitirá achegarse a ámbitos tan diversos como a investigación contra o cancro, a bioloxía, a química, as matemáticas, a enxeñaría, a intelixencia artificial, a robótica, a aeronáutica, a exploración espacial ou a alimentación funcional.
As máis cativas e cativos terán tamén o seu espazo cun teatriño de monicreques sobre o papel das nenas e das mulleres na ciencia, acompañado dun obradoiro de microscopía e acuicultura. O público poderá tamén coñecer de preto aeronaves e foguetes deseñados polo alumnado de UVigo Aerotech, o monopraza de UVigo Motorsport ou prototipos de satélites e robots destinados á exploración de covas lunares.
Á programación da feira súmanse outras actividades, como a charla Novos retos en cancro, na Biblioteca Xosé Neira Vilas, coa investigadora principal do grupo CellCOM do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, María Mayán. Ademais, o público poderá participar nun paseo en barco para coñecer os fondos da ría a bordo de Inndaga, a embarcación do Centro de Investigación Mariña, CIM. Esta actividade, así como algunhas das propostas e obradoiros da programación, require inscrición previa e conta con prazas limitadas, polo que a organización recomenda consultar a páxina web da G-Night, onde se pode reservar praza e acceder á programación completa.
A celebración da G-Night en Vigo conta coa colaboración do Concello de Vigo e coa achega do Consello Social da Universidade de Vigo.
Ourense e Pontevedra: roteiros científicos e Ciencia no Bar
En Ourense, o Bar Ceres 1894 acollerá, ás 18.30 horas, dúas actividades dirixidas ao público maior de 16 anos. O grupo Gest-It, Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia, propoñerá analizar as campañas institucionais contra a violencia machista para identificar estereotipos sexistas, procesos de culpabilización ou revitimización e reflexionar sobre a maneira en que se representa este tipo de violencia. Pola súa banda, o grupo Cies-UVigo, Cooperación en investigación para a equidade educativa e social, abordará os retos e oportunidades da formación dual universitaria, explicando as súas características, a súa expansión e algúns dos dilemas relacionados coa súa implantación no ámbito universitario.
En Pontevedra, o ciclo Ciencia no Bar transcorrerá na Taberna Nasa a partir das 18.30 horas, onde a cidadanía poderá gozar dun refresco mentres participa en dúas actividades de divulgación: O teu municipio di que é sostible. Podemos crelo, do Post-growth Innovation Lab, e A conduta suicida na mocidade galega: datos e retos, do grupo GETS-IT.
A maiores, entre as 17.00 e as 19.00 h haberá un roteiro polas pegadas de Federico García Lorca en Pontevedra, con saída desde o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O percorrido, organizado en colaboración co Colectivo Xurelo, permitirá coñecer diferentes lugares relacionados coas visitas do escritor á cidade.
Ampla programación na Coruña
Nesta edición, a Universidade da Coruña desenvolverá unha ampla programación nos campus da Coruña e de Ferrol e en diferentes espazos das dúas cidades. Serán máis de corenta actividades gratuítas, en horario de mañá e de tarde, dirixidas a escolares, familias, persoas adultas e público xeral.
Na Coruña, a programación distribuirase en seis localizacións: a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o Campus de Elviña, a Domus, o MUNCYT, o Museo de Belas Artes da Coruña e a Dársena da Mariña. En Ferrol, desenvolveranse dez obradoiros e actividades vinculados principalmente ao CITENI e ao Campus Industrial.

A través desta programación, a Universidade da Coruña pretende “facer visible o impacto da investigación na vida cotiá e favorecer o contacto directo entre a cidadanía e as persoas que desenvolven a súa actividade científica”. O público, engade a UDC, “poderá deste xeito coñecer de primeira man proxectos relacionados coa saúde, a intelixencia artificial, a sustentabilidade, a biodiversidade, as matemáticas, a economía, as tecnoloxías navais, a enxeñaría ou a cultura visual, entre outros ámbitos”.
A vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya, destacou que a G-Night “é unha das grandes citas anuais da divulgación científica en Galicia e unha magnífica oportunidade para achegar a investigación á cidadanía dun xeito próximo, participativo e sen barreiras”.
A proposta da UDC contará coa implicación dos seus principais centros de investigación, entre eles o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). Ademais, nesta edición colaborarán tamén o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).
A programación abrangue unha ampla variedade de temáticas que reflicten o carácter multidisciplinar da investigación desenvolvida na Universidade e nas entidades participantes.
Baixo o lema Conciencias Creativas, a edición deste ano quere destacar a creatividade como un elemento esencial do proceso científico, capaz de impulsar novas preguntas, solucións innovadoras e respostas aos grandes desafíos da sociedade. A iniciativa busca así fomentar a curiosidade, o pensamento crítico e as vocacións científicas entre persoas de todas as idades.
A celebración da G-Night na Coruña será posible grazas á colaboración da Autoridade Portuaria da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses, o MUNCYT, o Museo de Belas Artes da Coruña, a Deputación da Coruña, o Centro Oceanográfico da Coruña e a Asociación Española Contra o Cancro, entidades que contribúen a ampliar o alcance da programación e a levar a ciencia máis alá dos campus universitarios.
